Nigrán pon en marcha un reto viral para un San Xoán sen lixo

O Concello de Nigrán presentou esta mañá en Panxón a primeira campaña de concienciación medioambiental dirixida ex-profeso á noite de San Xoán e co obxectivo de que non quede lixo na praia nin chegue ao mar. Ao acto acudíu o alcalde en funcións xunto ao seu equipo, representantes das concesionarias Aqualia e Cespa, e o xogador do R.C.Celta nigranés Kevin Vázquez, entre outros particulares.

O Concello de Nigrán, consciente da enorme cantidade de desperdicios que se xeneran esa noite, especialmente vidro e plástico, fai un chamamento á responsabilidade de cada un para que non se contamine a area nin o mar. «Os servizos de limpeza do Concello van deixar a praia completamente limpa ao día seguinte, pero do que se trata é de que os participantes tomen conciencia e asuman o seu papel, non debemos esperar a que ninguén recolla o lixo por nós», explica o alcalde, Juan González. Con este obxectivo, por vez primeira, o Concello instalará illas de reciclaxe a pé de praia e creará unha brigada medioambiental formada por voluntarios que creen conciencia durante a noite (en quendas de dúas horas) invitando e colaborando cos asistentes para facer a recollida selectiva in situ dende a 1:30 da madrugada e en quendas de dúas horas. Os primeiros 40 voluntarios que se apunten recibirán unha entrada gratis para o festival «Vive Nigrán», que se celebra o 19 e 20 de xullo en Praia América. Os interesados, que deben ser maiores de 16 anos, teñen ata o 20 de xuño para anotarse a través da Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán, 986365000 ou atencioncidada@nigran.org. «Trátase dunha iniciativa que funciona con éxito en lugares como a praia As Canteras, en Las Palmas de Gran Canaria, e que desexamos levar adiante en Nigrán a partir de agora», indica.

Baixo a etiqueta #SanXoanSenLixo o Concello de Nigrán quere viralizar esta campaña de concienciación en redes sociais, conscientes de que é o mellor canal para chegar á mocidade, gran protagonista da festa. Así, futbolistas de primeira división como Kevin Vázquez, Santi Comesaña, o retirado xa Gustavo López, a atleta Desiré Vila ou o surfista Goni Zubizarreta e a artista de Baiona Lula Goce serán algúns dos «padriños» do reto viral, xa que posarán nas súas redes cun cartel que dí «O Mar non é un vertedoiro. Súmate ao reto de Nigrán. #SanXoanSenLixo. Fagamos ben a festa».

O Concello de Nigrán editou tamén cartelería ao respecto no que inciden en 5 premisas básicas: Non deixes lixo. Recicla. Respecta a protección do sistema dunar. Evita facer buratos, teñen impacto negativo no ecosistema. Recorda que as cabichas contaminan. Súmate a esta campaña medioambiental difundíndoa e concienciando aos teus.

«Confiamos en que a xente está cada vez máis comprotedida co medio ambiente e que este inclúe tamén aos océanos, en Nigrán apelamos a esa conciencia medioambiental para que se reduza a cantidade de basura acumulada nesta noite. A festa non ten que estar reñida con estes principios, Praia América é un dos máximos orgullos de Nigrán e é responsabilidade de todos preservala», insiste o alcalde.

Anuncios