Charla sobre a travesía a nado Costa Serena no CPI Arquitecto Palacios de Panxón

Un centenar de alumnos de Primaria do colexio Arquitecto Palacios de Panxón, con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos, participaron hoxe venres nunha charla ofrecida por membros da organización da IX edición da Travesía a nado Costa Serena, que se celebrará o 7 de xullo en Praia América. Esta proba é unha das travesías con maior participación de toda Galicia e espera reunir a mais de 400 nadadores procedentes de todo o noroeste peninsular.

Durante a charla, membros da organización do club Tumetapersonal acompañados polo concelleiro de Educación e Deportes de Nigrán, José Luis Sanromán, explicaron as dúas probas infantís que se disputarán de 50 metros (nenos de entre 5 e 8 anos) e 150 metros (nenos entre 9 e 13 anos). Ambos os dous percorridos celebraranse moi preto da beira e estarán controladas en todo momento por membros da organización.

As probas dos nenos teñen un custo de 10 euros e inclúe: camiseta, gorro, lentes, avituallamento, asistencia médica, seguro de responsabilidade civil, medallas para todos os participantes, un aperitivo e un xeado.

A travesía, organizada polo club deportivo Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Marine Instruments, Hyupersa, Abanca e o Centro Comercial A Ramallosa, así como a colaboración de Deporte Galego, Powerade, Zoggs, Club Marítimo de Panxón, Arena, Decathlon Vigo, Frutas Sol, Froiz, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Waira, Kailúa, Ángel Leirós Motos, Val Miñor Ébano, Clubnatacion.com, Ciclos Boyer Vigo, Rosquillas Cristaleiro, La Pintora e Protección Civil do Val Miñor, entre outros.

Ademais, contarase coa colaboración do Centro Juan María de Nigrán, coa participación de alumnos e profesores do centro que colaborarán no avituallamento e na entrega de medallas aos participantes.

As inscricións poderán realizarse ata o 2 de xullo ás 12:00 horas a través de Champion Chip Norte e, de forma presencial, na tenda Ciclos Boyer Vigo (R/Manuel de Castro, 12) onde se obterá un 20% de desconto na compra de material de natación, Decathlon Vigo (Avenida de Madrid, 159) e nas oficinas de turismo de Nigrán. O regulamento e a información da travesía están dispoñibles na páxina web www.travesiaanadocostaerena.es.

Durante a travesía celebraranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros. Os tres percorridos serán cronometrados por chip. O percorrido longo, no que se prevé unha participación de máis de 300 persoas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido de 2.700 metros, que terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros, consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao momento de meta polo lado dereito.

Na proba de 800 metros, que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, a de 2.700 metros ás 11:50 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 12:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, así como embarcacións de Protección Civil de Val Miñor, kaiaks e pádel surf seguindo a proba.

Premios

Na probas de 800 e 2.700 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se darán premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina e ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba raíña. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

Inscricións

A zona de concentración dos nadadores será nas instalacións deportivas Dunas de Gaifar a partir das 09:00 horas.

Aqueles interesados en participar na travesía poderán realizar as inscricións na páxina web de Champion Chip Norte ata o 2 de xullo ás 12:00 horas.

O prezo da inscrición da proba de 4.000 metros é de 21 euros, 19 euros a de 2.700 metros e 17 euros a de 800 metros e inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, cronometraxe electrónica, avituallamento, seguro de responsabilidade civil, asistencia médica, trofeo aos tres primeiros clasificados de cada categoría das dúas probas e medallas aos tres primeiros clasificados na proba de 4.000 metros, un aperitivo nos Marina Estelas, un xeado e participación no sorteo de material deportivo.

Cartel oficial Travesiìa a nado Costa Serena

Anuncios