A travesía de Pádel Surf máis antiga e multitudinaria de Galicia volve este domingo

A VIII Travesía Pádel Surf Baiona – Nigrán volve este domingo 16 de xuño cun percorrido total de 4.5 km grazas a Waira, Prado Surf Escola e á Federación Galega de Surf co apoio do Concello de Baiona e o Concello de Nigrán. Este ano sairá desde Praia Ladeira (Baiona) ás 11:15 e volverá ao formato tradicional, de forma que a meta atoparase de novo en Praia América. Para facilitar a loxística, a organización poñerá un autobús que sairá desde Praia América a Ladeira ás 10:30. Desta forma, os participantes deberán ir a Ladeira a deixar a táboa e recoller o dorsal e ir logo ata Praia América para deixar alí o seu vehículo.

A travesía está aberta a todo o mundo que dispoña un equipo de paddlesurf e apetézalle pasar un día diferente, os que non teñan equipo poden alugar un por 10€ en Waira. As inscricións están abertas ata o venres 14 por 15€. Os interesados deberán descargarse o formulario e envialo a waira@wairasurf.com. A recollida de dorsais será de 09:00 a 10:15, o bus Praia América – Ladeira ten prevista a súa saída ás 10:30 e a travesía comezará ás 11:15 desde Ladeira. Ás 13:30 horas terá lugar a entrega de premios e haberá un petisco para todos os participantes.

Ademais da travesía, á 13:00 haberá unha clase de hipopresivos e pilates sobre unha táboa de paddlesurf na que non fai falta experiencia previa (inscrición 5€) con Sakura Bienestar Natural e, ás 14:00 bautismos de pádel surf con Prado Surf Escola (inscrición 5€).

Organiza Waira Surf, Prado Surf Escola e a Federación Galega de Surf. Coa colaboración do Concello de Nigrán, Concello de Baiona, Louzao Mercedes-Benz Galicia, Solo Imprenta, Fruitas Vilar Patacas, Wetsports, Sakura Bienestar Natural e Alumisel.

Anuncios