O Monte Real lanza seis propostas de verán para aprender a navegar e gozar do mar en Baiona

O Monte Real Club de Yates acaba de lanzar a súa campaña de vela de verán, que inclúe seis propostas coas que nenos e maiores poderán aprender a navegar e gozar do mar en Baiona durante os meses de xullo, agosto e setembro.

Para os máis pequenos da casa, con idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos, o club baionés organiza Cursos semanais de vela lixeira, en horario de mañá ou de tarde, para que os nenos poidan ter un primeiro contacto coa navegación ou melloren a súa técnica con diferentes tipos de barcos no caso de que xa saiban navegar.

Tamén para eles hai Campamentos diúrnos de vela, algo máis completos que os cursos semanais, xa que inclúen máis horas de navegación, tanto pola mañá como pola tarde, e servizo de comida. É unha proposta destinada sobre todo a aquelas familias ás que lles resulta algo máis complicado conciliar durante o verán e queren que os seus fillos desfruten e aprendan nun ambiente relaxado.

Para os maiores de 16 anos, o Monte Real ofrécelles Cursos semanais de vela cruceiro, tamén con opción a elixir horario de mañá ou de tarde. Acompañados sempre por un adestrador do club, con estes cursos os alumnos aprenden a navegar nas tranquilas augas da baía de Baiona e acaban saíndo a mar aberto para perfeccionar os seus coñecementos a bordo do veleiro.

E para os que queiran aprender a navegar a vela pero non dispoñan dunha semana para asistir ao curso, o Monte Real ofrece tamén Cursos para aprender a navegar nun día. Durante unha xornada, desde a mañá ata a tarde, os participantes poderán aprender as manobras básicas para manexar unha embarcación.

Navegacións a vela ata as Illas Cíes ou durante o atardecer son outras das propostas do Monte Real Club de Yates para este verán, destinadas sobre todo a familias ou grupos de amigos que queiran gozar da navegación á vez que aprenden conceptos de vela.

No caso da Navegación a vela ata as Illas Cíes, trátase dunha actividade dun día, desde as once da mañá ás sete da tarde, que inclúe un percorrido en veleiro ata o arquipélago durante o que se aprende a navegar e o desembarque na illa para comer e realizar unha visita guiada ao parque natural.

Entre xullo e setembro ofrécese tamén a posibilidade de Navegar a vela á tardiña, unha actividade coa que descubrir as claves do manexo dunha embarcación a vela mentres cae o ocaso do día. Ten unha duración de tres horas e ofrecerase de xullo a setembro.

Son seis propostas para a tempada estival coas que o Monte Real Club de Yates quere achegar o mundo da vela a todos aqueles que queiran coñecer este deporte, mellorar a súa práctica ou simplemente gozar da navegación pola ría de Vigo.

Para recibir máis información ou reservar praza en calquera das actividades, pódese chamar por teléfono ao 986 385 000 ou escribir un email a secretaria@mrcyb.com.