Marine Instruments encabeza o Top 25 das “empresas intelixentes”

As compañías co cualificador ARDÁN de “Empresas Intelixentes” proporcionan unha rendibilidade para o accionista case cinco veces máis alta que a media do seu sector e, comparado coa media dos seus sectores, ofrecen un 63% de remuneración adicional aos seus traballadores. Isto foi parte do destaque que realizou David Regades esta mañá no seu encontro celebrado no Círculo de Empresarios.

O delegado, que comezou a súa intervención cunha exposición rápida das actividades de Zona Franca da que dixo que “é unha gran ferramenta, unha panca que poñemos ao dispor dos empresarios” continuou cunha presentación do servizo de información Ardán que, desde 1993, fíxose con 1,5 millóns de balances que conteñen 500 datos por empresa e ano o que lle permite realizar estudos cunha base científica e o que lle está permitindo desenvolver o seu sistema de cualificadores do que o último é este de “Empresas Intelixentes”.

Regades profundou nas claves que determinaron a intelixencia dalgunhas das empresas galegas que chegaron a ocupar praza no Top 25 elaborado por ARDÁN, e que encabeza a nigranesa Marine Instruments, con sede no polígono empresarial de Porto do Molle. Así “esas 25 mellor posicionadas son o exemplo dunha combinación modélica de estratexia corporativa, organización, xestión e compromiso social” dixo o delegado xa que “mostran un maior compromiso coa igualdade de xénero na xestión do talento e nelas o 35% dos seus equipos directivos son mulleres” destacou. Como outras características deste grupo sinalou que “dedican máis ou menos a I+D+i, 3,5 veces máis que as seguintes 25 empresas: un 3,7% da súa facturación e destinan en media ao mercado internacional o 33% das súas vendas; unhas 7,5 veces máis que as seguintes 25 empresas”.

O delgado, a quen presentou a presidenta do Círculo, Patricia García, felicitou ao empresariado polo esforzo que realizan a maioría no seu traballo diario na procura da excelencia nos negocios polo que moitos deles e elas conseguiron algún dos indicadores ARDÁN e aínda que “só o 6% das empresas analizadas por ARDÁN presentan algún indicador. Esta pequena porcentaxe é, con todo, responsable do 40% de todo o VAB achegado polo tecido empresarial á economía e do 22% do emprego creado”. As empresas con indicadores ARDÁN contan con competencias diferenciais que as fan máis dinámicas e competitivas que outras empresas con actividades similares e situadas nun mesmo territorio. “Estas empresas Incrementan a competitividade global, e atraen e reteñen investimento e talento. Teñen unha notable incidencia na creación de emprego e riqueza.

Tras a presentación, nun coloquio aberto, tratáronse temas de interese como as dificultades administrativas e xurídicas que se presentan para a apertura e instalación de novas empresas no noso territorio ou a competencia de Portugal, ao que Regades dixo que “temos que deixar de ver a Portugal como un competidor porque é un territorio que nos complementa e fortalece como Eurorrexión”. O delegado tamén avanzou que hoxe precisamente Zona Franca publica un concurso para que estudos de enxeñería busquen bolsas de chan susceptibles de ser cualificadas como espazos industriais na novo PXOM que terá Vigo.

foto20190612_143909