Samuel Blanco segue acumulando “medallas de chocolate”. Despois de finalizar cuarto a semana pasada na xeral da Volta á Provincia da Coruña, o redondelán do Vigo-Rías Baixas quedou ás portas do podio na etapa raíña da Volta a Salamanca celebrada este sábado. Grazas a este resultado o xefe de filas da entidade presidida por José Luis Chamorro ascende ao quinto posto da xeral, empatado a tempo co cuarto clasificado.
Na segunda xornada da rolda salmantina chegou o terreo dos escaladores nos 134,5 quilómetros entre Ledrada e Guijuelo. Os homes fortes da carreira movéronse no primeiro dos catro portos de montaña desta etapa e Blanco puntuou en cuarto posición no alto das Casas, de 2ª categoría.
Outro ciclista da formación flúor, Julián Barrientos, pasou en terceira posición polo alto de Valero (2ª categoría), a ascensión previa á subida aos Saltos, onde o pelotón rompeu definitivamente a falta de 20 quilómetros.
Con dous fuxidos por diante, Blanco realizou un cambio de ritmo ao que unicamente responderon Iván Moreno (Lizarte) e Raúl García de Mateos (Cortizo). O empuxe do redondelán e os seus acompañantes non foi suficiente para alcanzar aos escapados e Jefferson Cepeda (Caja Rural) adxudicouse a vitoria por diante de Iván Martínez (Froiz). Blanco cruzou a liña de meta a 1:03 en cuarta posición.
A actuación de Carlos Cobos, 19º a 4:14, e de Alejandro de Rozas, 57º a 15:31, outorgou ao Vigo-Rías Baixas a quinta praza por equipos.
A falta da etapa deste domingo, de 152 km con inicio e final na capital salmantina, Blanco ocupa o quinto posto na xeral, a 1:03 do líder Martínez, e co mesmo tempo que Moreno, cuarto, e De Mateos, sexto.

