Gondomar xa ten redactado o Plan Contra Incendios Forestais

O Concello de Gondomar, a través dunha subvención solicitada no 2018 a Aprol Rural por unha contía de 16.500 euros que lle permitiu a contratación dun Técnico en Medio Ambiente durante un período de 9 meses, elaborou o Plan Contra Incendios que está pendente de aprobación, cumprindo coa obrigación que teñen todos os municipios de redacción dun instrumento que é fundamental en materia de prevención e que a maiores é de obrigado cumprimento, sobre todo para aqueles con chan forestal. Este documento, unha vez finalizado o procedemento de aprobación definitiva, será remitido á Consellería do Medio Rural.

Continuando con este labor de prevención, novamente solicitouse a subvención para este exercicio 2019, que permitirá levar adiante a contratación de persoal especializado nesta materia e que desempeñará labores complementarios dese proxecto.

Tras a aprobación da Lei 3/2007 de 09 abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, establécese que os municipios deberán de elaborar o seu propio Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais. Neste documento analízanse as distintas situacións que xeran risco de incendio na interface urbano-forestal e establécense as medidas adecuadas para eliminalos ou reducir a gravidade das súas consecuencias.

Neste plan, indícanse as actuacións para realizar na xestión de biomasa da rede de faixas secundarias do termo municipal, nas súas zonas vulnerables, así como os medios humanos e materiais destinados á prevención e defensa ante un incendio forestal no municipio.

Gondomar está clasificado como territorio ZAR (Zona de Alto Risco de Incendio) debido á ocorrencia de incendios forestais ao longo da súa historia e á importancia dos seus valores ameazados. Estas zonas recoñécense como prioritarias na aplicación de medidas en prevención e defensa máis rigorosas contra os incendios forestais.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, entende que despois do vivido en outubro do 2017, onde as chamas que comezaron na parroquia de Peitieiros, aparecendo rapidamente outros focos en parroquias como Couso e Morgadáns, chegando a ter en pouco tempo unha fronte de case 10 quilómetros, era prioritaria a redacción dese documento que marca as directrices en materia de prevención, que son fundamentais para a defensa dos nosos montes e para evitar ese tipo de feitos. “Un Concello que pretende que os seus recursos en materia forestal sexan un motor non só da súa economía, senón tamén da paisaxística, o turismo e da política ambiental, non podía obviar esta carencia e a responsabilidade da administración local”.