Piden catro anos e medio de cárcere para un home acusado de vender droga en Baiona

A Fiscalía solicita catro anos e medio de prisión para un sospeitoso de vender droga en Baiona por un delito contra a saúde pública. Procedente do Xulgado de Instrución Nº 4 de Vigo, o xuízo celebrarase o vindeiro martes día 11 de xuño ás 11:00 horas.

O Fiscal considera nas súas conclusións provisionais que o acusado, D.F.G., maior de idade e sen antecedentes penais, o 3 de marzo de 2018 nun canellón próximo á Praza Pedro de Castro de Baiona, entregou a cambio de diñeiro a H.M.S. unha papelina dunha substancia que debidamente analizada resultou ser cocaína, cun peso neto de 0’485 gramos, unha pureza de 83’69% e un valor de 28’67 euros.

Ao ser visto isto por axentes da Garda Civil, cachearon ao acusado e incautáronlle, ademais dun billete de 50 euros, nunha bolsa cogollos de marihuana, que resultaron ser cannabis, cun peso neto de 3’628 gramos e un valor de 19’48 euros, así como unha bolsa con fungos, que resultou ser psilocina, cun peso neto de 1’409 gramos e un valor de 7’15 euros.

Igualmente incautóuselle no interior dun ovo Kinder, seis papelinas de cocaína, cun peso neto de 2’64 gramos, unha pureza de 84’52% e un valor de 156’07 euros.

Segundo o escrito da Fiscalía, o acusado posuía estas substancias con ánimo de destinalas á distribución entre terceiros. A cocaína, o cannabis e a psilocina atópanse incluídas nas Listas I e IV da Convención Única de 1961 sobre Estupefacientes.

Os feitos son constitutivos dun delito de tráfico de drogas, referido a substancias que causan grave dano á saúde. O Fiscal pide unha pena de catro anos e seis meses de prisión, con inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo e multa de 425 euros, coa responsabilidade subsidiaria en caso de falta de pagamento, dun día de privación de liberdade por cada 50 euros de multa.