O párroco de San Pedro tira de retranca para acabar cos móbiles na misa

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // O cartel na Capela de San Campio.

O párroco de San Pedro da Ramallosa, José Manuel Lence, farto de que os móbiles perturben os actos relixiosos, tira de sorna e humor contra o seu uso abusivo nunha mensaxe aos fregueses. Para asombro de moitos Lence colgou un cartel no que reza “Ao entrares nesta Igrexa, é posíbel que escoites a “chamada de Deus”, pero non é nada probábel que te chame hoxe ao móbil. Grazas por apagar o teu teléfono. Se queres falar con Deus, entra, escolle un lugar tranquilo e fala con El. Se queres ver a Deus, mándalle un Whatsapp mentres conduces”.

Mediante a nota fai un chamamento de maneira moi curiosa a aqueles que non poden separarse dos seus smartphones, nin sequera durante a misa. Unha maneira directa e sobre todo suxestiva de como hai que comportarse dentro dun edificio relixioso e non deixando lugar a equívocos a quen hai que prestarlle máis atención durante a celebración dos actos litúrxicos. Trátase dun claro exemplo de como ata as tradicións máis arraigadas adáptanse a uns tempos nos que as novas tecnoloxías gañan máis e máis terreo.

O cartel colgado na vitrina de San Campio pode pasar desapercibido para aqueles que pasan con présa, pero non para os que se pairan diante del. Proba diso é que as reaccións de fregueses e curiosos non se fixeron esperar, e o peculiar aviso xa se publicou en redes sociais como Twitter, onde encomian “a retranca do cura”.