Só 5 dos 17 concelleiros repetirán na nova corporación de Baiona

Fotografía de familia tomada nas escalinatas do consistorio tras finalizar o último pleno do mandato.

Baiona despediu o mandato no que tan só repetirán cinco dos 17 membros que forman a actual Corporación municipal, cun acto de recoñecemento que tivo lugar na mañá de onte durante a celebración da última sesión plenaria antes da toma de posesión da nova Corporación. O pleno, que estivo caracterizado pola súa brevidade ao non superar os 20 minutos de duración, comezou cun minuto de silencio en memoria do concelleiro electo de Cs falecido o pasado mércores, Adolfo Valverde Quintas, para dar paso aos temas do día entre os que se aprobou unha modificación de crédito.

Xa para finalizar celebraron un acto conmemorativo no que o alcalde en funcións, Ángel Rodal, fixo entrega aos seus compañeiros dunha medalla de ouro pola dedicación mostrada durante os anos de mandato xuntos e despois cada homenaxeado dedicou unhas palabras aos presentes.

Cabe destacar a importante renovación política nos diferentes grupos que obtiveron representación, na que o nacionalista Iago Pereira repetirá catro anos máis, Carlos Gómez farao polo PSOE ao suceder ao antigo número un Rafael Lores, mentres que no PP continuarán Policarpo Vilar Misa e Jose Ángel Bahamonde, como número tres e catro, respectivamente. Así pois o grupo liderado por Silvano Montes EU desaparece ao non lograr representación e no seu lugar entran en xogo dúas novas forzas, o partido independente NÓS de Carlos de la Peña e Cs cuxo representante aínda está por determinar, pasando de catro agrupacións políticas a un total de cinco. Así pois o contexto que ten ante si Baiona é o máis incerto dos últimos anos, moi marcado pola fragmentación e que permite polo menos tres configuracións distintas no que podería gobernar tanto o PSOE como o PP durante o próximos catro anos.

A medida que pasan os días as opinións son cada vez máis heteroxéneas e hai opinións para todos os gustos. Uns avogan pola coalición PP, NÓS e Cs; outros se inclinan cara a un goberno de esquerdas entre PSOE, BNG e NÓS ou cun compoñente máis moderado como PSOE, NÓS e Cs. Incluso os máis atrevidos apostan por un goberno socialista con tan só seis edís á fronte, aínda que a medida que corre o tempo os círculos iranse pechando cara ao próximo 15 de xuño, momento no que se resolverán todas as dúbidas.