Nigrán incorporará a catro técnicos de turismo para a tempada de verán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán incorporará do 15 de xuño ao 15 de setembro a catro técnicos de Turismo dos que tres deles desenvolverán o seu traballo nas oficinas de turismo do municipio e outro no propio consistorio. A contratación supón un custe de 18.000 € dos que a Xunta aporta 4.512 € para o financiamento dun deles e o resto é a cargo do Concello.

Os catro contan coa titulación válida para realizar este traballo e foron seleccionados mediante concurso-oposición, cobrando o regulado polo seu convenio. “Estes postos son unha peza fundamental para Nigrán durante a tempada de verán, xa que o número de visitantes se multiplica e é imprescindible contar con xente formada que atenda as súas necesidades e que saiba desenvolver accións de dinamización”, explica o alcalde, Juan González.