O Monte Real Club de Yates ficha a Roy Alonso como director deportivo

O Monte Real Club de Yates de Baiona acaba de fichar a Roy Alonso como o seu novo director deportivo. O que fose coordinador do Centro Especializado de Alto Rendemento de Santander e director técnico da Real Federación Galega de Vela e a Real Federación Española de vela ocuparase, a partir de agora, da xestión deportiva do club baionés.

Cunha ampla bagaxe no mundo da vela, Roy Alonso achegará a súa experiencia como adestrador e responsable de equipos nacionais e olímpicos para dar novos aires á Escola de Vela do Monte Real, pola que cada ano pasan centos de alumnos nas súas diferentes modalidades de vela lixeira, cruceiro e adaptada.

A posta en marcha dun novo plan estratéxico para a escola e a promoción de eventos deportivos a nivel nacional e internacional son algúns dos obxectivos deste vigués de 44 anos, que asume o máximo cargo da estrutura deportiva do Monte Real como un reto que afrontar con moita ilusión e ganas.

“No Monte Real hai un gran potencial durmido e é a miña intención espertalo e impulsalo”, di Alonso. “O que quero é aproveitar a grandeza deste histórico club para sentar as novas bases dun futuro que promete”, asegura o novo director deportivo do Monte Real, que xa exerce en Baiona.

Toda unha vida ligada á vela

Roy Alonso colle as rendas da Escola de Vela do Monte Real Club de Yates para marcar un novo fito en toda unha vida ligada á vela. Desde que con 7 anos subiuse a un cadete por primeira vez, o galego non deixou de participar de diferentes maneiras en proxectos relacionados co mundo náutico, ao que se penetrou a través do seu pai, Gerardo Alonso.

Foi director técnico da Real Federación Galega de Vela e a Real Federación Española de Vela, adestrador de clases pre-olímpicas, presidente do Comité de Vela Lixeira da RFEV, adestrador e responsable do equipo nacional pre-olímpico de Laser Radial, responsable técnico dos xuvenís da española e coordinador do Centro Especializado de Alto Rendemento de Santander. Logrou, ademais, en Miami, a clasificación de España para os Xogos Olímpicos de Londres 2012 en Match Race feminino con Támara Echegoyen, Sofía Toro e Ángela Pumariega.

Para el a vela “é deporte, pero tamén lecer, é competición e unha das mellores formas de gozar do mar. É un deporte que forxa personalidades e ofrece experiencias vitais únicas a todo aquel que o practica”.

Primeira parada: a campaña de verán da Escola de Vela

Unha das primeiras tarefas de Roy Alonso como novo director deportivo do Monte Real será liderar a campaña de verán da Escola de Vela do club, que se presentará en breve e ofrecerá cursos de vela lixeira e cruceiro durante os meses estivais.

Julio e agosto volverán converter ao club baionés, un ano máis, en todo un fervedoiro de alumnos dispostos a aprender a navegar ou mellorar a súa técnica nos diferentes cursos que se imparten para xente de todas as idades, de luns a venres en horario de mañá ou de tarde.

Haberá tamén campamentos diúrnos de vela, actividades de navegación ás illas Cíes e nos seráns estivais ou cursos completos dun día de duración, entre outras propostas.

O que non haberá, durante os meses de verán, será actividade na Escola de Vela Adaptada para persoas con diversidade funcional, que o próximo día 18 celebrará o acto de clausura do curso 2018-2019.