A Xunta asumirá a cobertura total do bono de alugueiro social durante o estado de alarma

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe na rolda de prensa do Consello que a Xunta asumirá a cobertura total do bono de alugueiro social dos colectivos máis desfavorecidos mentres se manteña o estado de alarma da crise do COVID-19. E subliñou que esta medida implica asumir a parte da renda que non cubre o Bono de alugueiro social.

Logo de precisar que esta iniciativa beneficiará a 700 familias, o titular da Xunta destacou ademais a autorización da convocatoria das axudas en 2020 para vivenda a vítimas de violencia de xénero, a través da concesión do Bono de Alugueiro Social, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Un colectivo que, engadiu Feijóo “non pode esperar”.

Esta orde, dotada cun orzamento de máis de 2 millón de euros, ten como obxectivo atender con carácter urxente ás mulleres vítimas de violencia de xénero, nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor. Ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación.

Terán tamén esa consideración as mulleres que sufran o asasinato dos seus fillos ou fillas a mans do maltratador. Así como as fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero que se atopen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor, no momento do falecemento da vítima.

O Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero terá un importe de 225, 200 ou 175 euros, segundo o concello no que se atopa a vivenda alugada. E, equivale ao 50% do importe máximo que pode acadar o prezo do alugueiro da vivenda en cada zona.

O Bono concederase por un período de doce meses, prorrogable dúas veces pola mesma duración, de maneira que poderá chegar ata un total de tres anos. E poderase solicitar unha axuda complementaria de ata 600 euros, para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento.

Por outra banda, e no tocante aos adxudicatarios das vivendas de promoción pública do Instituto Galego da Vivenda e Solo en réxime de alugueiro, e aos locais comerciais da súa propiedade alugados a particulares e asociacións, Feijóo destacou a decisión da Administración autonómica de non xirar os recibos desde abril, e mentres se manteña a actual situación de estado de alarma.

Nesta liña precisou que deste aprazamento poderán beneficiarse máis de 3.500 familias, aloxadas en vivendas de promoción pública do Instituto Galego da Vivenda e do Solo; así como os inquilinos de 42 locais comerciais alugados tamén por esta entidade.

Garantir os servizos básicos no rural

O presidente da Xunta anunciou ademais que preto de 150 efectivos medioambientais poderán sumarse a un programa de voluntariado para realizar tarefas que garantan as distintas necesidades que pode haber no rural galego.

O obxectivo é ter unha bolsa de axentes medioambientais que se poidan incorporar aos programas e servizos que se demanden no rural. Ademais, poderán levar a cabo actuacións de vixilancia dos camiños rurais e espazos naturais para facer cumprir as medidas de confinamento decretadas polo estado de alarma.

Ao longo da súa intervención, Feijóo recordou que os axentes ambientais e os bombeiros forestais do Servizo de prevención e defensa contra os incendios están a actuar como un servizo de asistencia a emerxencias no rural nesta situación excepcional, centrándose na desinfección de instalacións daqueles concellos de menos de 5.000 habitantes. Así, a día de hoxe, lévanse desinfectado de maneira preventiva os exteriores das residencias de maiores e de discapacitados internos, centros de saúde e outras áreas do rural, especialmente concorridas, de 150 concellos das catro provincias galegas.

Anuncios