Falece o candidato de Cidadáns en Baiona, Adolfo Valverde

O candidato de Cidadáns á alcaldía de Baiona para as eleccións municipais, Adolfo Valverde, faleceu este mércores a escasos metros da súa casa. O corpo sen vida foi atopado entre dous coches aparcados na Avda. Julián Valverde de Sabarís. Ata o lugar desprazouse a Garda Civil e a Policía Local de Baiona, que cortaron a rúa ata que se produciu o levantamento do cadáver. Agora será a autopsia a que determine a causa da morte.

Valverde, de 46 anos, era natural da parroquia de Santa Cristina da Ramallosa e enxeñeiro en Organización Industrial, así como diplomado en turismo. A maior parte da súa carreira profesional desenvolveuna no sector do automóbil, no que foi Responsable de Proxectos, Coordinador do Departamento de Loxística dunha planta de produción e actualmente traballaba nun equipo como Enxeñeiro de optimización de produtos. O seu salto á política veu dado polo seu amor a Baiona, a falta de alternativas para os mozos e “a mala xestión do equipo de goberno actual”, sinalaba.

Cidadáns era a súa primeira experiencia no ámbito da política e o vindeiro sábado 15 de xuño ía tomar posesión como concelleiro tras conseguir o partido laranxa un representante na corporación municipal. O número 2 da candidatura é María Rosa Piñeiro, unha das funcionarias con maior antigüidade do concello.

Comunicado de Cidadáns (Cs)

Cidadáns Galicia despídese hoxe con inmensa dor do seu concelleiro en Baiona, Adolfo Valverde, tras falecer repentinamente esta mañá.

Un gran compañeiro deixounos hoxe, alegre e ilusionado traballando sempre por Baiona.

Grazas, compañeiro Adolfo. Grazas polo teu traballo e polo teu compromiso.

Ata sempre, Adolfo. D.E. P.

Os funerais celebraranse este xoves día 6 de xuño ás 19:45 horas na Igrexa Parroquial de Santa Cristina da Ramallosa (Sabarís). Os seus restos mortais sairán ás 19:30 desde o Tanatorio, para despois da Misa celebrar o enterro no cemiterio parroquial de Sabarís.

Anuncios