O Turonia organiza o II Torneo de Fútbol Gaélico en Gondomar

O día 15 de xuño no campo das Gaiandas, en Gondomar, terá lugar o segundo torneo de fútbol gaélico no Val Miñor. Será o momento idóneo para celebrar o fin da primeira participación do Turonia GFG na Liga Galega, tanto masculina como feminina.

Contarán coa presenza dos equipos masculinos Herdeiros de Dhais (Lalín) e Cambados FG. En canto aos femininos, estarán o Auriense FG de Ourense e un combinado de xogadoras dos diferentes equipos da Liga Galega. Xogarán un triangular (tanto feminino como masculino) con partidos de tempo reducido.

Este ano, como novidade, xogarán un partido os rapaces do instituto Terra de Turonio, como parte do proxecto de consolidación deste deporte na comarca do Turonia GFG. O torneo rematará cun concurso de tiro a paus entre todos os xogadores que así o desexen.

Como broche de ouro, despedirán a tempada no seu val, celebrando un 3º tempo no campo con prezos populares, amenizado polas actuacións de Os Carunchos e Leo Arremecaghona.

O torneo comezará ás 17:00 horas e o 3º tempo sobre as 20:30 horas (durante os partidos estará a cantina aberta). Desde o Turonia GFG convidan a todos os veciños e veciñas a que se acheguen polo campo das Gaiandas a pasar una xornada lúdica con eles.