Os benxamíns do CB Nigrán recollen o seu trofeo de campións de liga

O equipo benxamín mixto do CB Nigrán recolleu esta tarde o trofeo que o acredita como campión de liga, despois dunha exitosa tempada na que o conxunto nigranés resultou invicto nos 11 partidos disputados aos longo da tempada, tanto na liga regular como na final A4. O equipo está formado por un total de 11 xogadores e xogadoras que proveñen das escolas deportivas que o CB Nigrán ten nos diferentes colexios dos municipios de Nigrán e Gondomar.

Trátase de xogadores e xogadoras que, despois de recibir unha formación inicial dentro das actividades que o club leva a cabo nos propios centros educativos, decidiron dar o paso a federarse e empezar así a competir na liga correspondente. O equipo foi dirixido ao longo de toda a tempada por Víctor Alonso e María Fernández, xogadora do equipo júnior, dous novas apostas do club dentro da súa filosofía de formar adestradores da canteira.

Trátase doutro gran éxito deportivo para o CB Nigrán que se une ao ascenso conseguido polo equipo sénior masculino na tarde de onte converténdose así no mellor equipo galego da categoría polo balance de vitorias.

Anuncios