O Cereixa, subcampión da Copa Galega de fútbol sala

O Vincios Cereixa Gondomar FS puxo esta fin de semana o broche de ouro a unha tempada fantástica e inesquecible coa participación na Final Four de Lugo, xunto ao Villa Petroni Stellae FS, o Verín Sala e o CD Lugo Sala. A expedición do equipo gondomareño partiu o sábado ao mediodía para enfrontarse ao Stellae FS nun prometedor partido de semifinais, vencendo aos de Padrón por 5 goles a 2.

Xa o domingo, tocou afrontar a gran final contra o local, o Lugo Sala, pero non puido ser e os de Gondomar caeron derrotados fronte a un novo e bo equipo por 4 goles a 2. Os de Vincios chegaron a poñerse 0-1 pero o esforzo físico da semifinal pasou factura e quedaron preto de alcanzar outro título. Non foi así e quedaron como subcampións galegos no que foi un máis que meritorio papel dos gondomareños que hoxe en pista, tiñan unha media de idade de 34 anos polos 22-23 do rival.

Anuncios