Nigrán prevé contar co seu parque forestal de 42 hectáreas en Camos e Chandebrito en 2021

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Andaina polo futuro parque forestal "Os Matos-Río Táboas".

A Deputación de Pontevedra vén de conceder na Xunta de Goberno de onte unha subvención de 42.670 € ao Concello de Nigrán para crear o primeiro parque forestal da comarca, situado na zona do Río Matos – Táboas (no monte comunal das parroquias de Camos e Chandebrito). A maiores, a Deputación xa financiara con 3.528,00€ o custe total da redacción do proxecto, realizado pola consultora forestal Landra.

Este espazo natural vertebrado pola fraga do río Táboas situarase en 42 hectáreas de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas). O obxectivo do Concello de Nigrán e das dúas Comunidades de Montes é contar en 2021 cun espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados.

“Despois dos incendios, tanto dende o Concello como dende as dúas comunidades, queremos poñer en valor este espazo e darlle unha función social; ademais, o parque servirá de protección aos núcleos de poboación máis próximos”, resume o alcalde, Juan González.

De cara a ter finalizado o parque en dous anos, o Concello de Nigrán expón a realización e financiamento do mesmo en dúas fases, dedicando o primeiro ano (xuño 2019-maio 2020) fundamentalmente á erradicación completa das especies invasoras (constituída fundamentalmente por eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións e, unha segunda fase (xuño 2020-maio 2021) á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petróglifos…

O grave incendio de 2017 asolou todo este espazo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro (especie que quedará erradicada) coma o bosque autóctono de ribeira e as plantacións realizadas de coníferas e frondosas. Actualmente está cortada practicamente toda a madeira que se queimou e o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que grazas á pronta intervención humana se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos irían destinados a manter un microclima húmido coa restauración da cuberta arbórea.

O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petróglifos; ou restauración do coñecido como Muíño do medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a primeira delas inclúe zona de aparcamento; acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo); medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…).

Os traballos para recuperar a fraga arrancarán coa eliminación das especies invasoras, corta das árbores queimadas, roza manual da matogueira, tratamentos silvícolas nas frondosas existentes e replantación das mesmas. Na parte central do parque, en 6’5 ha, contémplase un arboredo representativo dos bosques galegos con carballos, cerquiños, acivros, castiñeiros, loureiros e sobreiras. Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas. Os usos produtivos estarán tamén presentes para eliminar a produción madereira de piñeiro e eucalipto por zonas de produción de castañas, noces, cogomelos e madeiras nobres.