A falta de vento deixa deserto o Campionato Galego de A Dous

A falta de vento deixou deserto este sábado o Campionato Galego de A Dous – Trofeo Prima Vinia, organizado polo Monte Real Club de Yates e dedicado ao que foi o seu presidente durante máis de 40 anos, Don Rafael Olmedo.

Tras caer nun pozo sen vento a escasas millas da chegada, ningún dos barcos que optaban ao título foi capaz de finalizar a proba no tempo límite, polo que o título de campión galego de a dous quedou sen entregarse.

A deste sábado foi, sen dúbida, unha regata complicada para os veleiros, non só polo feito de navegar con tripulacións reducidas, senón sobre todo polo vento, que cumpriu as previsións e complicou a proba en boa parte das 22 millas de percorrido.

Na primeira parte da proba, rumbo a Ons, a Costa da Vela converteuse nun punto fatal para os barcos que escolleron un rumbo máis próximo a terra, onde se atoparon cun pozo de difícil saída, que obrigou ao Yess Too a abandonar.

Máis sorte tiveron os veleiros que optaron por un rumbo máis exterior, onde puideron coller vento e subir ata o Camouco, sendo o Bosch Service Solutions de Iago Carrera e Edu Reguera o primeiro en viralo e emprender retorno.

O regreso complicouse e moito pasada a illa de Onza, cun novo pozo que agrupou á frota e fíxolles navegar durante máis de seis millas con entre un e dous nós de vento, o que lles impediu cruzar a liña de chegada antes do tempo límite fixado. O que máis preto estivo de cruzala foi o Bosch Service Solutions, que quedou a menos dunha milla do final cando se lle esgotou o tempo.

O Campionato Galego de Solitarios e A Dous – Trofeo Prima Vinia – V Memorial Rafael Olmedo finalizou no Monte Real Club de Yates cunha cea mariñeira para os participantes. Non se puideron dar os premios do campionato, pero si se entregaron as placas aos gañadores do Circuíto de Solitarios e A Dous de 2018, unha competición na que resultaron vencedores José María Peinó e Ramón Quiroga (A Dous) e Jorge Lago (Solitarios).

Ao acto asistiron o presidente do club organizador, José Luis Álvarez; o xerente de Prima Vinia, Milton Fernández, como patrocinador do evento; o xefe de deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides; e o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.

Finalizada a proba, o Monte Real Club de Yates ten as miras postas xa en dúas das súas regatas estrela da tempada 2019, o Trofeo Conde de Gondomar, que se celebrará do 25 ao 28 de xullo; e o Trofeo Príncipe de Asturias; fixado para os días 6, 7 e 8 de setembro.

Previamente, o club baionés clausurará as tempadas da Escola de Vela Adaptada, coa entrega de diplomas aos alumnos o día 18 de xuño; e da Escola de Vela Lixeira, coa celebración do Final da Liga Social Baitra, os días 22 e 23 de xuño.

Anuncios