Nigrán inicia a instalación das primeiras marquesiñas 100% accesibles do municipio

O Concello de Nigrán iniciou esta semana a instalación das primeiras marquesiñas de espera de transporte público 100 % accesibles e non discriminatorias, cumprindo así co seu proxecto global de “Un Nigrán para todos”. Son por tanto conformes ao Real Decreto 1544 e Orde VIV/561/2010, destacando principalmente en que son as primeiras do Concello en contar con asentos isquiáticos, estes permiten o descanso nunha posición semisentada e axudan a recobrar a posición erguida facilmente, sendo especialmente indicados para persoas maiores ou con algunha discapacidade física.

Así, o goberno local investiu 17.600 € en mercar as seis primeiras unidades e xa instalou unha en Patos (en Tomás Mirambell, á altura de Bouzavella) e ten previsto facelo proximamente en Manuel Lemos (á altura da Piscina Mancomunada), Avda. Val Miñor (á altura de rúa Carballiños), e no cruce da Areíña (Parada). “A nosa intención é que a partir de agora as marquesiñas que se repoñan e as novas que se creen sexan destas características porque forman parte dese ‘Nigrán para todos’ que temos sempre como obxectivo”, explica o alcalde, Juan González.

As novas marquesiñas son de 2,3 metros de alto e 3 metros de ancho, cunha profundidade de 1,5. A estrutura é totalmente de aceiro inoxidable brillo con tellado do mesmo material en chapa. Traseira e laterais son completamente pechados en policarbonato, un material antivandálico porque resisten mellor os impactos. Nos laterais pegouse un vinilo vermello co escudo do Concello para facelas máis visibles e accesibles. O banco co que conta ten repousabrazos e é tamén de aceiro inoxidable; o asento isquiático continuo ao banco consiste nunha barra situada a 75 cm do chan.

2019-05-31 - Isquiaticos (2)