
Unha das semanas máis intensas da tempada para o Vigo-Rías Baixas empeza con dobre estrea. Desde este mércores a entidade presidida por José Luis Chamorro disputará por primeira vez a Volta a Navarra e no seu debut nunha das roldas de maior nivel do calendario elite e sub23 contará coa súa última fichaxe. O surafricano con pasaporte irlandés Devin Patric Shortt será un dos sete compoñentes da formación flúor.
O ciclista de 20 anos, nacido en Cidade do Cabo, representou en dúas ocasións ao seu país natal nos Campionatos do Mundo e adxudicouse tres coroas estatais en categorías inferiores. Vencedor como júnior do Trofeo Santiago, Shortt instalouse definitivamente en Europa o ano pasado e incorporouse á estrutura olívica procedente do Gragnano- Natali italiano.
Esta incorporación reforza o bloque integramente sub23 que o Vigo-Rías Baixas presenta en terras navarras. Santi Martínez, Alejandro Martínez Bayán, Sergio Arias, Alejandro de Rozas, Jaime Guzmán e Antonio Barbero estarán dirixidos por Iván Rodríguez.
Outros nove equipos españois e cinco estranxeiros formarán o selecto pelotón desta proba que alcanza a súa 58ª edición. A primeira das cinco etapas, de 139 quilómetros e coa única dificultade montañosa dun porto de 3ª categoría a metade de percorrido, empeza en Estella e concluirá en Lodasa. A xornada do sábado, con final no alto de Muskilda, está chamada a exercer de xuíz desta rolda.
Mentres unha representación do Vigo-Rías Baixas compite en Navarra, outra se prepara para a Volta á provincia da Coruña que arranca este venres. A esta dobre cita puntuable para o calendario da Real Federación Española de Ciclismo, o conxunto flúor chega ocupando a segunda posición no clasificación Elite.