O PP perde a maioría absoluta en Baiona e empata co PSOE

O Partido Popular non conseguiu este domingo manter a maioría absoluta que ostentaba en Baiona. O PSdeG-PSOE, con Carlos Gómez á fronte, fixo historia e gañou no municipio por primeira vez co apoio de 2.202 veciños e veciñas, 873 máis que en 2015, o que se traduce en 6 concelleiros. Os populares, encabezados por Ángel Rodal, sumaron 1.972 votos, perdendo 1.225 respecto ás anteriores eleccións, conseguindo tamén 6 concelleiros.

En declaracións a ValmiñorTV, Carlos Gómez agradeceu aos veciños e veciñas que apoiaron a súa candidatura, e agarda “que o Partido Socialista sexa goberno, ábrese un período de diálogo para garantir un goberno estable para Baiona durante os próximos catro anos”.

Nós Baiona, a lista con Carlos de la Peña como alcaldable, entra na corporación con 2 concelleiros, tras conseguir un total de 830 apoios, e podería converterse ademais na clave para a formación de goberno. De la Peña asegurou “estar satisfeito” e destacou que o importante “é que vai haber cambio”. En canto a falar de pactos, trasladou a iniciativa aos dous partidos máis votados, tanto PSOE como PP. “Eles teñen que dirixirse ás outras forzas e valoraremos a situación, estamos abertos a facilitar a gobernabilidade, temos que falar con todos”.

O BNG, liderado por Iago Pereira, mantén os seus dous concelleiros, con 717 papeletas, 32 máis que no 2015, e Cidadáns, encabezado por Adolfo Valverde, entra na corporación con 1 concelleiro tras conseguir 423 votos. Vox, Unidas Podemos e Manifesto Miñor-En Marea quedan fóra da corporación.

A participación en Baiona alcanzou o 69,63% -61,99% en 2015-, cun total de 7.035 votantes. Os votos nulos foron 92 e en branco 78.

Anuncios