O náutico de Vigo e o Monte Real repártense os triunfos do Trofeo Baitra de vela infantil

FOTO: VIRXI BARANDELA // Foto de Familia Trofeo Baitra 2019.

Este domingo finalizou en Baiona a última edición do Trofeo Baitra, unha das competicións máis destacadas da vela lixeira en Galicia, organizada polo Monte Real Club de Yates e Baitra Accesorios Navales para apoiar a vela de base na comunidade.

Tras a xornada inicial do sábado, a segunda e última etapa, disputada este domingo, constou de tres novas mangas que, sumadas ás tres de onte, deixaron clausurado o campionato con seis probas puntuables.

O mozo deportista de 13 anos, Yago Marquina foi o mellor da súa categoría, Optimist A, na que se impuxo sobre Rubén de Ramón, do Club Marítimo Carrumeiro e Víctor Nicolás Gómez, do Club Marítimo de Canido, que quedaron segundo e terceiro respectivamente.

Á fronte da clasificación da clase Optimist B situouse Roque Tourón-Figueroa, de 11 anos, do Real Club Náutico de Vigo. A prata e o bronce desta categoría quedaron en Baiona de man de dous deportistas do Monte Real Club de Yates, Pablo Marquina e Martín Montes.

Na clase Optimist C, o Real Club Náutico de Vigo copou os tres primeiros postos do podio, que ocuparon Paco Riveras, con 8 puntos; Pedro Vecino, con 9; e Luis Wizner, con 14.

As clases A, B e C de Optimist foron as máis numerosas do trofeo, pero nesta edición tamén saíron a navegar un grupo de alumnos da categoría de Escola, que non puideron competir na primeira xornada a causa do forte vento, pero si o fixeron este domingo. A máis destacada da frota de iniciación foi Martina Contreras, do Monte Real Club de Yates. Julia Brea, tamén do Monte Real; e Jacobo García, do Club Marítimo de Canido, quedaron segunda e terceiro.

O Trofeo Baitra consolidouse co paso dos anos como unha das citas máis importantes de Galicia coa vela lixeira, que cada ano reúne en Baiona a alumnos que se están iniciando no mundo da navegación nas diferentes escolas de vela que existen na comunidade.

A entrega de premios da competición celebrouse unha vez finalizadas as probas no Monte Real Club de Yates e contou coa presenza do patrocinador do evento, o xerente de Baitra Accesorios Navales, Juan Carlos González; ao que acompañaron sobre o escenario o presidente, comodoro e vicecomodoro do club baionés.