
O alcalde socialista de Nigrán e cabeza de lista ás eleccións municipais do 26 de maio, Juan González, comprometeu no seu acto de fin de campaña esta tarde na Alameda de A Ramallosa continuar gobernando na mesma liña nos vindeiros catro anos, é dicir, “con consenso, participación, transparencia e proximidade e situando sempre ás persoas por riba de todo”.
“Somos un equipo unido e solvente cun proxecto en marcha dende 2015 que non se pode parar, temos por diante un futuro prometedor e cheo de retos que cumprir «, indicou o alcalde, quen presentou un a un o seu equipo, no que se manteñen nos primeiros postos 5 dos 6 edís actuais. “Sei que faltan cousas por facer, por iso agora buscamos a maioría suficiente que nos permita axilizar tódolos proxectos que temos en marcha e que queremos iniciar xa».
Neste sentido, González comprometeu a creación dunha Escola Municipal de Música na actual biblioteca e unha de Pintura no faro de Panxón (Gaifar), ademais de iniciar a construción dun novo auditorio de uso específico e maior capacidade no SAU 6 de Praia América ou traballar para completar a instalación de saneamento, abastecemento e fibra óptica en todo o municipio. “Temos grandes proxectos para por en valor o noso municipio, moitos deles xa en marcha, como a construción da nova biblioteca; as obras de recuperación das marxes do río Muíños con zona deportiva de skate-park e pista de atletismo xa a piques de rematar; a creación do primeiro parque forestal da comarca entre Camos e Chandebrito; a repatriación do mosaico romano de Panxón e a recuperación da contorna do Arco Visigótico na mesma parroquia”, sinalou. Así mesmo, entre os principais compromisos incluíu humanizar rúas tan necesitadas como Otero Pedrayo, Manuel Lemos ou Camiño Vello, continuar cos plans de asfaltados por parroquias, construír un centro para maiores…
Mais en concreto na parroquia de San Pedro na que se desenvolveu este acto González comprometeu, entre outras cousas, a creación dun local socio-cultural en Vilariño e unha zona forestal, recuperar a antiga da Telefónica para uso público ou conseguir a distinción medioambiental Ramsar para o esteiro de A Foz do Miñor.