UCN acusa ao PSOE de utilizar o Concello con fins partidistas

O candidato da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, denuncia que o actual alcalde e candidato do PSOE Juan González, está a utilizar o Concello como plataforma de propaganda política, “o que resulta cando menos vergoñoso e pouco ético, pretendendo enganar aos veciños facéndolles ver que se trata de proxectos oficiais, cando en realidade son simplemente propostas electorais do partido socialista, tal e como se recolle no seu boletín informativo de propostas políticas distribuído aos veciños, así no seu apartado 8 Cultura e Patrimonio, inclúese unha proposta para a posta en valor do Arco Visigótico de Panxón”.

“UCN lamenta a falta de escrúpulos do actual alcalde e candidato Juan González, para vender á prensa informacións de propostas electorais que deberían recollerse nos medios de comunicación como tales -tal e como se fai co resto dos grupos-, pero, con todo, ten a pouca vergoña de vendelas como algo oficial do Concello, utilizando medios e fondos públicos con fins partidistas (tales como o anuncio dun novo auditorio, escavacións en Chandebrito, etc), o que di moi pouco da súa calidade democrática, ao concorrer a unhas eleccións “dopado”, e non competir en igualdade de condicións co resto dos grupos, o que demostra estar tremendamente nervioso ante uns posibles malos resultados o vindeiro domingo”, afirma o portavoz independente.

Antonio Fernández, lémbralle ao candidato socialista que xa existe no Concello desde o ano 2004 un proxecto para o acondicionamento e mellora da contorna do Arco Visigótico e o Templo de Panxón, incluíndo non só a contorna do propio Arco Visigótico, senón tamén o acceso ao Templo, tanto na parte frontal como as escaleiras que comunican coa rúa traseira, así como tamén a zona axardinada lateral. “Proxecto que durante os catro anos de goberno non fixo nada, pero curiosamente agora cando chegan as eleccións saca da chistera, coa única finalidade de pretender rabuñar un puñado de votos, pero que os veciños xa non comulgan con rodas de muíño”.

Ademais, lembra Fernández Comesaña, o citado proxecto de actuación e mellora en terreos do Bispado, xa fora obxecto de autorización pola súa banda, no marco da tramitación urbanística da parcela para a licenza de construción do centro xeriátrico propiedade da Fundación San Rosendo -vinculada á Igrexa-, sendo entón alcalde Alfredo Rodríguez, “e que agora o candidato socialista pretende vender como algo novo, cando se trata dun vello proxecto -lamentablemente sen executar-, e co visto e prace das autoridades eclesiásticas, feito que pode comprobarse recorrendo aos arquivos municipais”.

Con todo, o candidato independente felicítase de que polo menos o PSOE acórdese agora do Arco Visigótico, e que coincida coa proposta que UCN leva no seu programa electoral, “o que nos produce unha grata satisfacción”.

Anuncios