Baiona abre as inscricións para o XIII Torneo Escolar de Tenis

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona e o Club de Tenis Baiona organizan a XIII edición do Torneo Escolar de Tenis, que se disputará o vindeiro sábado día 8 de xuño nas instalacións do Pavillón Municipal de Baiona e o Pavillón Escolar do CPI Cova Terreña.

Participarán as categorías Peques (nados 2013-2014), Prebenxamín (nados 2011-2012), Benxamín (nados en 2009-2010), Alevín (nados en 2007-2008) e Infantil (nados en 2005-2006). O número de prazas dispoñibles estarán limitadas a un total de 32 por cada unha delas.

O sistema de competición e o calendario darase a coñecer unha vez finalizado o período de inscrición. A cada categoría asignaráselle a súa correspondente zona de xogo. O sistema de competición asegura aos participantes un mínimo de 2 partidos xa que se establecen dous cadros de competición por categoría (Vencedores e Consolación).

Ademais trátase dun torneo solidario, polo que todos os participantes poderán achegar alimentos non perecedoiros que serán entregados á ONG “Ayuda al Mundo Necesitado” de Baiona, que se encargará de repartilos entre as familias máis desfavorecidas do municipio.

O horario do torneo será desde as 9:30 da mañá coa presentación ata as 14:00 horas coa clausura, sendo obrigatoria a presenza dos participantes durante o desenvolvemento do torneo.

Para máis información e inscricións os interesados deben chamar aos teléfonos 986 356 558 ou 679 196 881 ou contactar a través do correo electrónico deportes@baiona.org. O número de prazas é limitado e o prazo de inscrición finalizará o 5 de xuño.