Sin categoría

O Trofeo Baitra cita en Baiona á vela infantil galega

40 regatistas de Optimist das principais escolas de vela de Galicia reuniranse esta fin de semana en Baiona para participar nunha nova edición do Trofeo Baitra de Vela Infantil, que o Monte Real Club de Yates volve organizar un ano máis co patrocinio de Baitra Accesorios Navales para impulsar a vela de base en Galicia.

O Club Marítimo de Canido, o Real Club Náutico de Vigo, o Club Marítimo Carrumeiro e o propio Monte Real Club de Yates terán representación na competición autonómica, que se disputará en dúas xornadas, os próximos sábado e domingo.

Durante os dous días que durará a competición, a frota competirá en catro categorías: A, B, C e Escola. Para eles, o comité de regata programará un máximo de seis probas no interior da baía de Baiona. Serán percorridos en trapecio dunha duración aproximada duns 40 minutos, cun trazado acurtado para os regatistas de Escola.

O sábado as probas darán comezo ás dúas e media da tarde, unha vez finalice a recepción de regatistas en Baiona e a reunión de adestradores e comités. O primeiro sinal de saída do domingo darase algo máis cedo, ás once e media, co obxectivo de que as regatas poidan estar finalizadas antes das catro e media, hora na que está prevista a celebración da entrega de premios. Entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría e o gañador de cada unha delas levará, ademais, un cheque para compra de material náutico.

O Trofeo Baitra de Vela Lixeira celébrase un ano máis grazas ao patrocinio de Baitra Accesorios Navales, unha empresa dedicada á comercialización e distribución de accesorios e equipos navais de calidade, con sede en Baiona, que desde hai anos mantén unha firme aposta pola vela infantil en Galicia.