O Cereixa proclámase campión de liga a falta dun partido

Triunfo de campionato para o Cereixa FS que permite aos de Vincios consagrarse a falta dun partido no que será o peche dunha tempada inesquecible. 29 partidos, 25 vitorias, 4 derrotas, equipo menos goleado (63) e máximo goleador (168), son algúns dos números que hai que ler dous e tres veces para entender o mérito dos de Gondomar.

O de onte era un partido para valentes, para dar un golpe na mesa e sacarse esa presión de quedarse tantas veces ás portas do obxectivo… E os locais saíron enchufadísimos para acurralar a un bo Apóstolo FS que competiu mentres lle duraron as forzas.

Edu Rodríguez abriría o marcador ao revolverse e marcar de disparo baixo xunto ao pau. Gabriel Denis Vasconcellos poñería o 2-0 mediada a primeira metade e parecía que o partido sería tranquilo. Con todo, en case a primeira oportunidade clara do visitante, chegaba o desconto alertando aos de Vincios de que habería que sualo se querían os 3 puntos (2-1).

Despois do paso por vestiarios, o visitante comezou a dar síntomas de cansazo e os locais adiantaron liñas para ampliar a renda. Álex Cabral lograría conectar un disparo raso e cruzado que significaba o 3-1. Coa renda e o control do partido, o Vincios Cereixa Gondomar FS dedicouse a ter a pelota e a deixar que o tempo se esgotase.

Un canso Apóstolo FS quixo pero non puido inquietar a portería local que sería infranqueable na segunda metade. Asubío final e os locais que se apiñaron no centro da pista para agradecer o apoio da afección e comezar o clásico canto de “Campións, Campións, oe oe oe”. Desde aí, a unha cea que foi mellor mesmo que o título conseguido e que pon de manifesto outra vez que en Vincios, Gondomar, hai un equipo que será para sempre historia.

2019-05-19 - 60383103_847852585549225_4281297810961203200_n