Remontada e vitoria para Víctor Senra e segundo posto para Alberto Meira no Rías Baixas

Víctor Senra e David Vázquez celebrando a victoria.

Víctor Senra e o seu copiloto David Vázquez xa forman parte da historia do Rallye Recalvi Rías Baixas. Este sábado inscribiron o seu nome como vencedores da 53ª edición, tras conseguir o mellor tempo en cinco dos nove tramos disputados na segunda etapa da proba viguesa. Alberto Meira (con catro scratchs) foi segundo e Ricardo Costa completou o podio.

O actual campión galego encarou a segunda etapa do Rallye desde a vixésima posición, despois de deixarse 22 segundos nas dúas pasadas á superespecial Vigo-Castro. Pero no primeiro tramo deste sábado levantouse xa ao segundo posto tras marcar o mellor tempo e aproveitarse, sobre todo, dos problemas do portugués Ricardo Costa e a picada que lastrou toda a proba ao campión asturiano Óscar Palacio.

Ao liderado da clasificación xeral levantouse Alberto Meira, que logrou o segundo mellor tempo no TC3. O de Vincios saíu a por todas no TC4 (Gondomar-Porriño) e aumentou a súa vantaxe con Senra, pero unha buxaina en Salceda e un novo scratch de Senra na especial de Vigo-Alba-Nigrán relegoulle á segunda posición.

Cos dous pilotos separados por sete segundos, a loita pola primeira praza presentábase apaixonante. Esperábase que Alberto Meira volvese atacar no Tramo Gondomar-Porriño, pero problemas no turbo do seu Citroën DS3 R5 fixéronlle perder moito tempo con respecto a Víctor Senra, finalizando o segundo bucle a + 51.674 do líder.

Co rallye xa de fronte, o do Citroën C3 R5 preferiu non arriscar na última sección do 53 Rallye Recalvi Rías Baixas e mesmo aproveitou para probar novos regraxes na súa montura. «Saíunos un Rallye perfecto. Cometemos como único erro o da súper especial do Castro. Despois, cos problemas que sufriu Alberto Meira, soubemos aguantar o ritmo e puidemos celebrar a vitoria. O formato de tres tramos a tres pasadas gústame pero tamén é certo que na terceira pasada os tramos están máis sucios”, comentou Víctor Senra.

Toda a atención centrouse entón na loita pola segunda e terceira praza. Meira puido liquidar os problemas do seu Citroën DS3 R5 na asistencia e anotouse o scrtach nos tres últimos tramos da tarde, o que lle permitiu asegurarse o segundo caixón do podio, a 21 segundos de Senra e con +30.751 de vantaxe sobre o portugués Ricardo Costa, que lle gañou a batalla por ese terceiro caixón a Iago Caamaño. Manuel Fernández, vencedor da pasada edición do 53 Rallye Rías Baixas foi quinto.

“Estou contento co posto porque cada vez síntome máis cómodo co coche e acabei o Rallye gozando moito. Antes do último bucle puidemos dar co problema que nos fixo perder tanto tempo. Rompera unha abrazadera e corriamos sen turbo. Unha vez resolvido, puiden correr e marcamos os tres Scratch e os mellores tempos nos tramos. Só quédanos felicitar a Víctor Senra. Espero que no próximo rallye podamos pelexarlle aínda máis a vitoria”, sinalou Alberto Meira.

Pola súa banda, Ricardo Costa asegurou que «estou contento. Gústanos pelexar polos primeiros postos e divertir ao público e é o que fixemos”.

O grupo de dez primeiros clasificados completárono Óscar Palacio, o ex campión galego de rallyes Luís Vilariño, David González Gil e Jorge Cagiao, piloto do Renault Clio pertencente ao Recalvi Team e que logrou vencer dentro da categoría N5 ao Suzuki Swift de Pablo Rey, décimo clasificado.

As Copas de promoción

Nun rallye complicado pero que compensou con decoro, o portugués Ricardo Costa foi, ademais, o piloto mellor clasificado da Pirelli-Driver Top Ten A. Na Pirelli-Driver Top Ten B dominou con total autoridade Francisco Dorado. A primeira etapa finalizou con Jose Manuel Pazos no máis alto desta Copa, pero Dorado levantouse ao liderado no primeiro tramo desta segunda xornada e xa non se apeou do mesmo.

Na Pirelli-AMF MotorSport viviuse algo parecido. Rubén López, que chegaba aquí coa bitola de líder destacado, logrou subir ao primeiro posto na primeira pasada por Vigo-Castro, pero a partir de aí Joaquín Pérez Rey levou o mando da proba, certificando a vitoria final con 31 segundos de vantaxe sobre López.

No Volante FGA impúxose Diego Vila, quen se mantivo á fronte durante todo o rallye, e na Iniciación Recalvi o líder provisional, Gabriel Rodríguez, viuse superado no último bucle por Ricardo Estévez.

Éxito de público e participación

O novo formato de rallye que estreou este ano o 53 Recalvi Rías Baixas, con tres tramos a tres pasadas na segunda xornada de competición, foi moi ben acollido por parte de público e pilotos. A afección abarrotou as cunetas das tres especiais e da mesma forma, permitiu que os equipos gozasen máis que nunca do rallye. Dos 150 que tomaron a saída, foron 106 os que chegaron a completar todo o percorrido.