Manifesto Miñor acode á Valedora do Pobo polas cámaras do Centro Neural

FOTO: BNG GONDOMAR // Cámara de vixilancia no Centro Neural.

Hai máis dun ano que Manifesto Miñor solicitou o expediente no que se ampara a colocación das cámaras no Centro Neural de Gondomar. Segundo sinala Xosé Antón Araúxo, incumprindo a súa obriga legal Paco Ferreira nin entregou a documentación, nin sequera contestou. “A nosa necesaria seguridade require de legalidade e confidencialidade. Temos dereito a saber cal foi o proxecto, quen administra as cámaras, quen ten acceso a elas, si están sempre activas, que concelleiros teñen acceso á revisión das imaxes, canto custaron… Por normativa administrativa, non se pode facer nada nunha administración sen que quede constancia da súa autorización e contratación”, recorda o concelleiro de Manifesto Miñor.

“Coñecendo a forma de actuar habitual de Paco Ferreira, moito nos tememos que se pasase a lei polo forro outra vez e que non exista expediente algún que ampare a colocación das cámaras. Como hai cousa dun mes volvemos a solicitar o expediente, e caducaron (outra vez) os prazos que obrigaban subministrarnos a documentación, non nos quedou máis remedio que volver solicitar amparo da Valedora do Pobo para que requira ao concello a dar o correspondente expediente. Tampouco se nos ten subministrado o expediente no que constan as vodas que celebra o alcalde de Gondomar, e polas que cobra dietas. Non foi un mandato propicio para transparencia na vila condal de Gondomar”, conclúe Araúxo.

Anuncios