Nigrán inicia o expediente de contratación para humanizar a Praza da Carrasca

O Concello de Nigrán iniciou esta semana o procedemento aberto e simplificado para contratar a humanización da Praza da Carrasca (parroquia de Parada) co obxectivo de reordenar o tráfico neste núcleo e dotalo dun pavimento de pedra máis acorde esteticamente coa contorna, xa que actualmente é de asfalto pese a considerarse zona verde. O investimento contemplado é de 100.000 euros con cargo ao Plan Concellos 2018. Unha vez iniciado este expediente, agárdase que as obras poidan comezar unha vez presentadas as ofertas das empresas e adxudicada a obra. Trátase dunha actuación moi demandada por parte dos veciños de Parada – A Carrasca, por este motivo, o Concello contratou o proxecto en xuño de 2017, demorándose por todos os informes sectoriais necesarios para iniciar a contratación xa que estamos falando dunha das poucas carballeiras “urbanas” que hai en Nigrán.

O acondicionamento da praza implica a demolición e levantado do pavimento existente, escavación para poñer o novo firme, colocación de bordillos graníticos e pavimentado mediante lastras (13×13 cm) e lousas tamén de pedra (60×40 cm) asentados sobre morteiro e base de formigón. “Na actualidade non hai unha ordenación do núcleo que canalice o tráfico dunha forma eficiente e segura e o pavimento de asfalto non é acorde á zona verde na que se asenta, o obxectivo é humanizar a contorna e poñela en valor como gran punto de encontro e de ocio da parroquia”, incide o alcalde, Juan González. Neste sentido, como parte da primeira fase, acondicionouse previamente a zona do xogo de bolos e rehabilitouse integralmente o parque.

Actualmente o Concello está a emprender obras de similares características na rúa do Ceán, que será humanizada mediante a construción de beiravías e creación de prazas de aparcamento, ademais de lastrar a zona de entrada ao cemiterio e axardinar o pé do cruceiro.

Anuncios