Baiona propón unha rebaixa nas tarifas do aparcamento do Aral

Cando se cumpren catro anos desde que o Concello de Baiona xestiona o aparcamento do Aral tras a renuncia de Sofranda Gestao de Parques, Ángel Rodal anunciou este xoves acompañado de parte do seu equipo de goberno a nova ordenanza que regulará os prezos do servizo e que supoñerá unha rebaixa, de ata un 58,37% nalgún caso, respecto das tarifas actuais.

Tras a sentenza xudicial que obrigaba ao Concello a abonar a Abanca preto de 4 millóns de euros, cuxo primeiro pago de 2 millóns realizarase de maneira inminente tras ser aprobado no último pleno e a cantidade restante en dúas anualidades en 2020 e 2021, todo con cargo ao Remanente de Tesourería e sen ningún tipo de interese, encargouse un estudo económico, realizado pola empresa Lagares Oca, en base aos datos reais do últimos catro anos de xestión municipal.

Rodal destacou que, baseándose nos resultados do estudo, optouse por realizar as máximas bonificacións posibles, que repercutirán tanto nas prazas rotacionais como naquelas destinadas a abonados. Así pois, o prezo por minuto a partir do minuto 61 reducirase un 10,40%, e o máximo diario ou por perda de ticket un 16,37%. Os abonados anuais 24 horas pasarán a pagar un 7,84% menos, mentres que os diúrnos aforraranse un 20,74% e as motos 24 horas un 58,37%.

Os abonados por contratos de traballo en tempada estival pagarán un 13,04% menos pola modalidade 24 horas e un 3,85% menos pola diúrna. Os abonos dun mes en tempada estival terán unha rebaixa do 17,68%, os de 15 días dun 15,32% e os de 1 semana do 20,96%. Ademais créase o abono por mensualidades en calquera período do ano, excepto en tempada estival, que terá un prezo de 67,74 euros.

En canto ás bonificacións, a nova ordenanza mantén a primeira hora gratuíta de luns a venres, non festivos, de 7:00 a 23:00 horas, desde o 11 de setembro ata o 14 de xuño, e suma unha segunda hora gratis, todos os días do ano, para os usuarios que paguen o imposto de rodaxe no municipio. Para beneficiarse desta vantaxe, os interesados deberán solicitar unha tarxeta no Concello, cun custo de 2 euros, e presentala na cabina central do aparcamento á hora de pagar. Ademais, as persoas que residan no centro histórico terán unha bonificación adicional do 20% nas tarifas de abonados anuais.

O alcalde destacou que desde maio de 2015, momento no que o aparcamento comezou a ser xestionado polo Concello, tanto os ingresos por rotación como o número de abonados aumentaron ao redor dun 35%, pasando dos 142 aos 218 actuais. A nova ordenanza deberá cumprir un período de 15 días de exposición pública antes de ser levada a pleno para a súa aprobación inicial, tras o cal será exposta de novo para volver ao pleno para a súa aprobación definitiva.

NOVA ORDENANZA

ROTACIONAL TARIFA DIF. % DIF. €
IMPORTE MINUTO 1ª HORA 0,00 € 0,00 0,00 €
IMPORTE MINUTO A PARTIR MINUTO 61 0,0224 € 10,40 0,0026 €
IMPORTE MINUTO A PARTIR MINUTO 121 0,0166 € 0,00 0,00 €
MÁXIMO DIARIO O POR PERDA DE TICKET 11,29 € 16,37 2,21 €
ABONADOS ANUAIS MES ANO DIF. % DIF. € BONIF. 20%
ABONADO 24 HORAS 44,16 € 529,92 € 15,08 7,84 € 35,33 €
ABONADO DIÚRNO 30,91 € 370,92 € 20,74 8,09 € 24,73 €
MOTOS 24 HORAS 14,57 € 174,84 € 58,37 20,43 € 11,66 €
ABONO POR MENSUALIDADES EN CALQUERA PERÍODO DO ANO (EXCEPTO TEMPADA ESTIVAL) MES DIF. % DIF. €
ABONADO 24 HORAS 67,74 € 0,00 0 €
ABONADOS POR CONTRATOS DE TRABALLO EN TEMPADA ESTIVAL (1 DE XUÑO A 30 DE SETEMBRO) MES DIF. % DIF. €
ABONADO 24 HORAS 60,00 € 13,04 9,00 €
ABONADO DIÚRNO 50,00 € 3,85 2,00 €
ABONADOS TEMPADA ESTIVAL (1 DE XUÑO A 30 DE SETEMBRO) MES DIF. % DIF. €
1 MES 118,54 € 17,68 25,46 €
15 DÍAS 81,29 € 15,32 14,71 €
1 SEMANA 39,52€ 20,96 10,48 €

 

Anuncios