Nigrán inicia as obras de humanización da rúa do Ceán cun investimento de 132.000 €

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras de humanización da rúa do Ceán dentro da política de mellorar a seguridade viaria e peonil dos espazos rurais que vertebran o seu territorio. As obras, cun orzamento de 132.000€ ao cargo do Plan Concellos 2018, inclúen a construción de beiravías accesibles, habilitar aparcamentos en liña, reparar o firme, mellorar a instalación de pluviais, renovar o saneamento ou nova luminaria LED. Con este obxectivo, eliminaranse as canaletas de formigón existentes para ter drenaxe soterrado, o que permitirá ampliar a estrada e pavimentar (neste sentido cabe destacar o retranqueo dun gran terreo privado cedido ao Concello, por iso é posible executar unha beiravía de 1,8 m. de ancho e unha zona de aparcamento en liña de 2,2 metros). Contémplase tamén a execución dun paso de peóns sobreelevado á altura do parque infantil para a máxima seguridade dos peóns.

“Soluciona un problema de seguridade viaria e accesibilidade nun tramo moi frecuentado por unir o Cemiterio Municipal, a Biblioteca, o Parque infantil, a Igrexa de San Fiz e as instalacións do club de Bolos do Cean. Era algo moi demandado polos veciños”, sinala o alcalde, Juan González.

O proxecto contempla que o terreo cedido se peche cun muro de bloques de formigón de contención e malla, manténdose os carballos existentes neste espazo. Así mesmo, fronte ao Cemiterio Municipal e co fin de preservar e por en valor esta contorna, a pavimentación será de lastra en granito con 6 alcorques onde se plantarán cipreses de 4 metros de altura. O Cruceiro tamén será posto en valor cun axardinamento do pé do mesmo..

Estas obras levan o retranqueo de 9 postes telefónicos e de alumeado público (a substituír por LED) que se canalizarán baixo a beiravía, ademais asfaltarase a estrada e procederase ao conseguinte pintado da sinalización horizontal.

“Toda a obra de construción de beiravías accesibles, humanización e asfaltado, complétase co empedrado fronte ao Cemiterio Municipal e coa realización dun xardín con céspede e bordo de granito ao redor do Cruceiro do Cean, fronte á actual Biblioteca Municipal, o que engadirá calidade a unha contorna de tanto valor Patrimonial”, resume o rexedor.