
A candidatura Nigran Decide fixo público o seu programa para o desenvolvemento económico de Nigrán, o emprego e o turismo. Entre as medidas incluídas no programa están a creación dun rexistro de contratistas de Nigrán e do Val Miñor, aos que se lles informará de todas as contratacións que realice o Concello de Nigrán, así como a división dos contratos que realice o Concello de Nigrán, para facilitar o acceso á contratación pública das pequenas e medianas empresas de Nigrán e do Val Miñor. Tamén se establecerán controis nos contratos sobre as subcontratacións realizadas polas empresas que contrata o concello.
Protección do pequeno comercio
Cara a protección do pequeno comercio e o comercio de proximidade, Nigrán Decide, ademais de facer campañas de fomento do comercio de proximidade, comprométese a non aumentar no PXOM a reserva de solo para grandes superficies comerciais, tal como pretende facer o actual goberno.
Creación dunha marca turística de Nigrán
Nigrán Decide considera que hai que camiñar cara un modelo turístico de calidade, máis diversificado, sofisticado, respectuoso ca contorna e integrar máis harmonicamente as necesidades do turista, o residente temporal e as da poboación permanente de Nigrán, sendo necesario dispoñer dunha liña de intervención clara e continuada, sostida no tempo, mediante a creación dunha marca turística de Nigrán, a partir da elaboración e desenvolvemento dun Plan estratéxico de turismo.
Fomento de emprego
Para as persoas en paro de Nigrán proponse a elaboración dun plan de formación de calidade, con itinerarios formativos completos que cualifiquen a estas persoas para exercer unha profesión, orientando as ofertas de emprego reais existentes na área metropolitana de Vigo e, particularmente, das empresas de Porto do Molle. Tamén se fomentará a creación de empresas de inserción de persoas en paro con especial dificultade para encontrar traballo.