Carlos Abal expón mellorar as comunicacións de Chandebrito

O candidato popular á Alcaldía de Nigrán, Carlos Abal, visitou na tarde deste martes a parroquia de Chandebrito, cunha charla na asociación de veciños O Castro na que presentou a todos os asistentes as súas propostas de goberno, estruturadas ao redor de 14 plans.

Na súa intervención avanzou o seu compromiso de mellorar as comunicacións desta parroquia, tanto co resto do municipio como con outros municipios da comarca. Neste sentido, o candidato popular expón estudar a viabilidade de resolver os problemas de illamento nos que viven os veciños de Chandebrito, “manexamos tres opcións que aínda que entendemos que son viables, haberá que analizar con detemento para que, dunha vez por todas, os veciños desta parroquia conten cunha comunicación en condicións co resto da comarca”, apuntou Abal.

Entre o resto de propostas para a parroquia, destacou mellorar o transporte público (con máis opcións e horarios), solucionar os problemas de cobertura de TDT en Pracíns e As Tomadas, apoiar a escavación arqueolóxica do castro, facilitar o desenvolvemento do proxecto do novo local social e promover o turismo temático, cos petróglifos e o castro, “poñendo en valor o incalculable patrimonio histórico, natural e cultural desta parroquia do municipio”, engadiu.

Anuncios