Alberto Meira encara a cita de casa con fame de vitoria

O terceiro envite do Campionato Galego de Rallyes será a proba de casa para Alberto Meira, Jose Murado e o Citroën DS3 R5. O Rías Baixas, a carreira máis importante para o piloto de Gondomar, xa que o feito de correr diante dos seus paisanos e o coñecemento do terreo son factores ao seu favor, polo cal sairá con ganas de espremer a súa montura e poder aspirar a unha vitoria que ata agora non estaba ao seu alcance no proceso de adaptación ao Citroën.

Despois do contratempo no Rali Noia, que apenas deu opción a seguir descubrindo o vehículo, Alberto Meira preparou a conciencia o Rallye Rías Baixas participando na Subida á Saleta e a Subida a Santa María de Oia, facéndose coa vitoria en carrozados en ambas as dúas probas, ademais de sacar moitas conclusións para a posta a punto do DS3 R5.

«O Rallye Rías Baixas é unha proba na que temos moitas esperanzas, posto que os tramos son os habituais das pasadas edicións, especiais que xa corremos durante moitos anos, algo que favorece á nosa experiencia. Cada vez vou máis cómodo co Citroën DS3 e por suposto vou tentar dar un paso máis respecto a os rallyes anteriores para estar no ritmo de cabeza e poder optar á vitoria diante da nosa xente, o que sería algo magnífico».

O equipo AMF Motosport conta cun novo apoio a partir desta carreira, da man de Staroil Competición. Un aliciente máis para unha cita que se prevé tremendamente emocionante, cun moi bo nivel e onde Alberto Meira, que xa sabe o que é gañar nas rúas de Vigo (concretamente en 2012), tratará de subir ao máis alto do podio.

Anuncios