Os concellos do Val Miñor celebran a XXX Festa da Bicicleta

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Festa da Bicicleta.

O próximo venres día 17 de maio, os Concellos do Val Miñor (Nigrán, Gondomar e Baiona) celebrarán a edición número XXX da xa tradicional Festa da Bicicleta.

Os primeiros en arrancar a marchar serán os ciclistas de Nigrán, saíndo do Pavillón de Panxón as 10:00 da mañá en dirección a Gondomar, onde recollerán aos ciclistas deste municipio ao redor das 11:00 na Praza do Concello. Tamén ás 11:00 sairá a marcha de Baiona dende a Entrada ao Parador, reuníndose cos Concellos de Gondomar e Nigrán aproximadamente ás 11:30 na Alameda de San Campio na Ramallosa. Xa todos os ciclistas reunidos poñerán rumbo cara o Pavillón Municipal de Panxón, onde se lles entregará un pequeno avituallamento e celebrarase o sorteo de regalos.

A XXX Festa da Bicicleta do Val Miñor trátase dunha marcha cicloturista aberta ao público en xeral, na que se poderá participar a partir dos 7 anos. O obxectivo principal deste evento é o de fomentar a práctica deportiva de todos os cidadáns mentres te divirtes coa túa familia, amigos ou veciños.

As inscricións realizaranse o mesmo día do evento 40 minutos antes da saída nos puntos de inicio da marcha. No caso de Nigrán, as inscricións realizaranse entre as 9:00 e as 9:45h co fin de garantir a saída puntual cara Gondomar. Así, os únicos requisitos para inscribirse son, como xa dixemos antes, ter máis de 7 anos e contar con bicicleta e levar DNI e casco obrigatoriamente.

“Trátase dunha tradición que cumpre 30 anos e que é un orgullo que sexa o concello de Nigrán o encargado de organizar a festa final que contará co Rei Midas como mestre de cerimonias e que esperemos conte con centos de participantes como en anos anteriores”, declara Juan González, Alcalde de Nigrán.

Anuncios