O GALP 7 lanza unha campaña para rescatar imaxes e historias das traballadoras do mar

dav

Esta mañá presentouse en Vigo a campaña O MAR TAMÉN TEN MULLERES, un proxecto que pon en marcha o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda (GALP 7) co obxectivo de recoller fotografías e relatos das traballadoras que dedicaron a súa vida ao mar no territorio que abarca o GALP 7 e que abrangue os concellos de Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda.

Mariscadoras, redeiras, bateeiras, traballadoras da salga e da conserva, investigadoras e mariñeiras, serán as protagonistas dunha exposición que pretende recuperar os saberes de mulleres anónimas para poñer en valor o seu traballo, rendirlles homenaxe e rescatar capítulos preciosos da nosa memoria histórica.

A campaña, foi presentada polo presidente do GALP Ría de Vigo-A Guarda, Juan Manuel Gregorio Vaqueiro, que estivo acompañado da xerente da entidade, Elena Herbello. O presidente do GALP 7 explicou que se trata dun “proxecto participativo no que recolleremos as imaxes e narracións orais de todas as mulleres que queiran formar parte dunha mostra itinerante coa que queremos visibilizar o labor, moitas veces esquecido, de tantas traballadoras que repartiron as súas vidas entre o mar e o coidado das súas familias”.

Gregorio indicou que as fotografías poden achegalas as propias protagonistas, as súas familias ou calquera persoa autorizada,  a través do correo electrónico fotosmulleresgalp7@gmail.com xunto cos seus datos de contacto, antes do domingo 2 de xuño. As imaxes recollidas formarán parte da exposición itinerante que se mostrará por primeira vez ao público entre o 11 e o 14 de xullo, durante o Encontro de Embarcacións Tradicionais de A Guarda. Ademais, elaborarase un catálogo online con todas as fotografías recollidas.

O GALP Ría de Vigo-A Guarda é unha entidade colaboradora da Consellería do Mar, responsable de aplicar a estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) no seu territorio, que se estende por un total de once concellos que definen os límites terrestres das rías de Vigo e de Baiona: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. Este GALP encárgase de xestionar e controlar as axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para o desenvolvemento desta estratexia no período 2014-2020. Os seus obxectivos son o fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e á mobilidade laboral nas comunidades pesqueiras e acuícolas, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca. Este proxecto inclúese dentro do Obxectivo 4 da estratexia, encamiñado a fomentar o benestar social e a posta en valor do patrimonio cultural das zonas pesqueiras como elemento para reforzar a identidade territorial, acadando maiores cotas de igualdade de oportunidades desde a perspectiva de xénero.

Anuncios