Nigrán substitúe as 45 luminarias do parque e alameda da Ramallosa por unhas novas de tecnoloxía LED

O Concello de Nigrán está substituíndo as 45 luminarias antigas de vapor de sodio da alameda e parque da Ramallosa por unhas novas de tecnoloxía LED por importe de 12.000 €. Tamén se substitúen as 15 fernandinas, completando así a renovación de toda A Ramallosa e do centro da vila ata Nigrán. O troco permite reducir a potencia de consumo de 22,36 kWh a 8,6 kWh e multiplicar exponencialmente a súa vida útil, co conseguinte aforro económico. Ademais de mellorar a calidade da iluminación se protexe o medio ambiente nun espazo tan sensible como o Esteiro do Miñor.

Este cambio súmase aos realizados anteriormente no centro da Ramallosa (Manuel Lemos, Rosalía de Castro, Avda. Portugal e Torrente Ballester), Panxón, centro de Nigrán, O Viso, Chandebrito… O obxectivo de todos estes trocos é mellorar a eficiencia enerxética e a calidade ambiental, xa que as luminarias de vapor de sodio ocasionan problemas ao ter sobrepasado o fin da súa vida útil, afectando ao seu rendemento, calidade e consumo e supoñendo isto un aumento das emisións de CO2. Neste sentido, o goberno de Nigrán considera prioritarias as substitucións nos núcleos urbanos con gran afluencia de peóns e circulación viaria.

«O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio», indica Juan González, alcalde de Nigrán. De feito, as substitucións permiten reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80 %, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.

“En catro anos de goberno melloramos as instalacións de alumeado público mediante renovación de cadros, substitución de báculos en mal estado e cambio a LED de máis 500 puntos de luz. Non se trata de gasto senón de inversión en medio ambiente e calidade de vida dos veciños de Nigrán”, recalca Juan González.