Carlos Abal propón a creación dun Plan de Axudas para o baleirado dos fosos

O candidato popular á Alcaldía de Nigrán, Carlos Abal, realizou este luns a súa segunda charla por parroquias da campaña electoral. Nesta ocasión, visitou a parroquia de Parada, onde anunciou a posta en marcha dun Plan de Axudas municipal para o baleirado dos pozos negros, “unha medida dirixida a moitos veciños e veciñas de Nigrán que, non tendo acceso a un servizo básico como é o saneamento, deben facer un esforzo económico moitas veces inaccesible para acometer o baleirado destes pozos”, explicou Carlos Abal.

Esta proposta en concreto enmárcase dentro do Plan ROCA, o plan de saneamento e abastecemento de auga co que se comprometen a ampliar a cobertura destes servizos en todas as parroquias do municipio. “É unha vergoña que no século XXI un concello como Nigrán non poida prover a moitos dos seus veciños dun servizo que debería ser básico e que ademais constitúe un requisito fundamental para coidar e protexer o noso medio ambiente”, apuntou o candidato popular.

Así mesmo, Abal engadiu que actualizarán o Inventario de saneamento e abastecemento de auga para coñecer cal é a situación real nas diferentes parroquias, e así poder planificar unha execución en función da urxencia e da cantidade de veciños afectados. Neste sentido, lamentou o deixamento de determinados dirixentes, “cuxa incapacidade de xestión levoulles a perder unha subvención valorada en 800.000 euros para completar o abastecemento de auga en Parada, unha actuación cuxos fondos foran conseguidos polo alcalde popular no anterior mandato, non por méritos de González, cuxo único papel en todo isto foi perder a subvención e impedir que os veciños de Parada teñan xa acceso á rede de auga”, sinalou.

Propostas para Parada

En relación ás propostas de goberno para Parada en particular, o candidato popular avanzou a construción dun paseo peonil, de madeira, desde o cruceiro, ao cemiterio, pasando polo centro cultural e a igrexa, un paso de peóns en Con, a recuperación do espazo do antigo muíño para o goce de todos os veciños, estudar a viabilidade de cubrir o parque infantil de O Cruceiro, impulsar a mellora do trazado da estrada entre Mallón e Areiña e a eliminación de barreiras no cemiterio.

A esta batería de propostas, hai que engadir o firme compromiso de ampliar a cobertura de fibra óptica en todo o municipio e a implementación dun Plan de Mantemento e Limpeza de camiños en todo o municipio. A próxima charla por parroquias será este martes, ás 20:00 horas na Asociación de Veciños O Castro de Chandebrito.

Anuncios