
A Garda Civil detén a un veciño de Baiona como presunto autor do roubo nunha máquina expendedora de bebidas quentes que se atopaba situada dentro das instalacións do peirao pesqueiro da mesma localidade.
As investigacións comezaron o pasado mes de febreiro cando o responsable das instalacións denuncia no cuartel de Baiona que lle subtraían a recadación da máquina, causándolle importantes danos materiais valorados en máis de 600 euros.
A inspección ocular que se realizou no seu día, tanto na máquina como na contorna onde se atopaba emprazada, permitiu obter unha serie de indicios que facilitou as investigacións que viña desenvolvendo o Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán e así se puido chegar á identificación e detención do presunto autor.
Trátase dun veciño de Baiona, de 40 anos, con numerosos antecedentes relacionados coas drogas e cos delitos contra o patrimonio.
O detido, que foi posto en liberdade unha vez instruídas as dilixencias policiais, terá que comparecer no Xulgado de Instrución de garda de Vigo cando sexa requirido.