
Un total de 64 miñoranos acudiron ao Mutua Madrid Open para vivir en primeira persoa o mellor tenis do mundo. A iniciativa, organizada polo Club de Tenis Gondomar, bateu records de asistencia e nela participaron alumnos, pais e simpatizantes do equipo que, durante o 4 e 5 de maio, acudiron á capital española para vivir unha experiencia diferente na que os apaixonados da práctica deportiva viron moi de preto a xogadores como Rafael Nadal, Roger Federer, Carla Suárez ou Jelena Ostapenco, entre outros.
Este diario tivo a oportunidade de falar co artífice dunha actividade que leva catro anos celebrándose de maneira ininterrompida, Juan Antonio Freitas Fernández, director da escola gondomareña, que aclarou que a iniciativa naceu co fin de motivar ao seu alumnado, aínda que a acollida deste ano superou todas as expectativas de participación. “O primeiro ano que o propuxen fomos un total de 43 persoas e aos poucos fomos aumentando ata chegar á cifra de 64”, engadiu.
Así pois o que nun principio naceu como unha mera actividade complementaria á docencia deportiva, na actualidade converteuse nunha cita obrigada de carácter anual que ademais de gozar de gran aceptación serve como un aliciente para as relacións interpersoais. “Precisamente aceptamos a todos aqueles que o desexen a que se animen a acompañarnos polo feito de pasar unha fin de semana en comunidade máis aló do que supón unha competición deste calibre”, mantivo. O director da entidade explicou que para chegar á capital servíronse de autobuses e coches particulares pero se a afluencia segue en aumento para a próxima edición veranse na obrigación de fretar outro autocar para seguir dándolle empuxe á súa actividade anual. A pesar de que a competición se alongou toda a semana e que a final se celebrou este domingo, a dirección do centro optou por viaxar ao comezo do campionato para que os alumnos puidesen ver en acción a todos os participantes ao comezo das fases eliminatorias.
Actividades diferentes
Desde a súa fundación en 2006, o Club de Tenis Gondomar, apostou polo tenis base fomentando a práctica deportiva con alicientes que se saen do habitual como a viaxe realizada a semana pasada, o que levan a cabo para competir nun torneo anual que se celebra en Béjar, Salamanca, ou “ xuntanzas” para disputar torneos intensivos de 12 horas de duración abertos tamén ás familias dos alumnos. Trátase dunha maneira diferente de inculcar un deporte e que lles valeu para que a Federación Galega de Tenis nomeáselles como o “mellor club base de Galicia”. Actualmente a agrupación conta con máis dun centenar de socios e tras 14 anos de actividade pasaron pola escola máis de 300 nenos.