Máis de 200 alumnos de centros salesianos pasan unha xornada nos montes de Chandebrito

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Foto de grupo.

Chandebrito acolleu este sábado a Xuntanza dos grupos infantís do IEF de Galicia “Salvemos a terra”, con motivo do 125 aniversario da chegada dos salesianos á comunidade autónoma, en concreto a Vigo, e para mostrar o seu compromiso co coidado da casa común desenvolvendo a xornada nun dos montes afectados pola vaga de incendios do 15 de outubro de 2017 e plantando nel 500 castiñeiros que contribúan á reforestación.

Desde as 11:00 ata as 18:00 horas, os participantes, divididos en grupos, desenvolveron obradoiros, xogos relacionados cos petróglifos da zona, que tamén puideron visitar acompañados dun experto, un reto cultural para coñecer os nosos costumes e elementos da nosa cultura da man dos veciños e veciñas de Chandebrito, ou un roteiro pola canalización da auga para o regadío dos campos ata chegar ao muíño.

Con motivo dos incendios, aprenderon a facer lume como antigamente e a apagalo correctamente, e tamén tiveron o seu tempo dedicado ao xogo no merendeiro, onde se celebrou a comida, con pita balón, xogos populares, fútbol, brilé e corda.