A Festa da Bicicleta do Val Miñor cumpre 30 edicións

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Festa da Bicicleta.

O vindeiro venres día 17 de maio os Concellos que conforman o Val Miñor, Baiona, Gondomar e Nigrán, xunto coa Deputación de Pontevedra, organizan a xa tradicional Festa da Bicicleta, sendo este ano a edición número XXX.

Os primeiros en saír serán os participantes de Nigrán, ás 10:00 da mañá desde o Pavillón de Panxón, para realizar o percorrido ata Gondomar, onde recollerán aos ciclistas do municipio ás 11:00 na Praza do Concello. A saída desde Baiona será ás 11:00 desde a Entrada ao Parador, para atoparse os pelotóns dos tres municipios na Ramallosa e comezar o percorrido todos xuntos ata o Pavillón de Panxón, onde entregará á totalidade de participantes un pequeno avituallamento para repoñer forzas e sortearanse agasallos entre todos os asistentes.

O obxectivo desta marcha ciclista non é outro máis que fomentar a práctica deportiva de todos os cidadáns xa que non se poñen límites para participar, unicamente ter máis de 7 anos e estar capacitado para completar os diferentes percorridos en bicicleta e ter ganas de pasar un día de lecer e diversión en familia, percorrendo as rúas do Val Miñor en compañía dos veciños da comarca para celebrar un acto de carácter popular e deportivo.

As inscricións realizaranse 40 minutos antes da saída en cada un dos tres puntos o mesmo día do evento, momento no que se entregará o dorsal, cuxo número valerá para participar no sorteo de agasallos. É obrigatorio levar casco e DNI.