Xúbilo no CPI Cova Terreña tras o anuncio da rehabilitación integral do centro

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Tras o anuncio da rehabilitación integral do CPI Cova Terreña por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o equipo directivo do centro mostra a súa alegría despois de moitas xestións e peticións ao longo destes 3 anos. “Fixémoslle ver á Administración o estado do centro educativo e as súas necesidades, a problemática de humidade, conservación, illamento, estética,… O noso esforzo en solicitar as melloras necesarias vense recompensado incluíndo tanto ao edificio principal coma ao edificio de Educación Infantil, cunha actuación integral en ambos edificios que superan o 1.200.000 € de investimento”.

Nesta actuación, da que se dará conta na vindeira reunión de Claustro ordinaria, procederase a mellorar a eficiencia enerxética ao mesmo tempo que se arranxan as deficiencias do centro: substitución de cubertas, tratamento de fachadas mellorando o illamento, reposición de carpintería metálica, iluminación eficiente e outras melloras, actuacións que levan moito tempo preparando xunto coa Consellería de Educación, Universidade e FP, que trasladará esta nova na súa visita do mércores 15 de maio.

As obras realizaranse a través do anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018. Os traballos comezarán a executarse a mediados do mes de xullo. As obras programadas contemplan asemade a creación de novos espazos para despachos e departamentos, a reforma de aseos no edificio de Educación Infantil para adaptalos a persoas con mobilidade reducida, a colocación de falso teito acústico nas aulas que carecen del, o pulido do pavimento de terrazo e outras reformas funcionais.

Anuncios