
Galicia terá como festivos propios o próximo ano 2020 o día de San Xosé (19 de marzo) e o día de San Xoán (24 de xuño). Así se establece na proposta de calendario laboral de 2020 que coñeceu hoxe o Consello da Xunta, na que tamén se recolle como festivo o 25 de xullo, Día de Galicia.
A normativa estatal, fixada polo Real decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (10 de abril en 2020), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2020 hai dous festivos nacionais que coinciden en domingo: o 1 de novembro, día de Todos os Santos, e o 6 de decembro, día da Constitución, que se substituirán en Galicia polo 19 de marzo, día de San Xosé (xoves), e o 24 de xuño, día de San Xoán (mércores).
Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2020 se celebrará o 9 de abril), que Galicia non cambia tradicionalmente; e dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.
Informado o Consello da Xunta, a proposta de calendario laboral para 2020 terá que ser aprobada polo Consello Galego de Relacións Laborais. Posteriormente, cada concello terá que determinar dous días festivos máis para a súa localidade.