A Deputación pon en marcha o I Concurso de Debuxo Infantil “Debuxa a túa provincia”

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, anunciou esta mañá en rolda de prensa a posta en marcha do I Concurso de Debuxo Infantil “Debuxa a túa provincia” a través de encartes que se publican hoxe na prensa diaria. “Con esta iniciativa pretendemos que os nenos e nenas da provincia plasmen a súa visión dos recursos turísticos e elementos do noso patrimonio cultural e natural. Amais, así tamén traballaremos para axudarlles a coñecer a riqueza turística da nosa provincia”, explicou Silva.

Máis polo miúdo, os traballos deberán estar elaborados por nenos e nenas da provincia de ata os 14 anos de idade (incluídos). Así, haberá tres categorías: ata os 6 anos (categoría 1), entre os 6 e 11 anos (categoría 2) e de 11 a 14 anos (categoría 3). O concurso consistirá en facer debuxos centrados na provincia de Pontevedra e plasmar os seus lugares preferidos, ben sobre o que representa a provincia ou como eles a ven. Para elaborar os traballos poderán empregar a técnica que desexen, sempre e cando sexa manual (lapis, ceras, témperas, acuarelas, etc.).

O premios para as gañadoras e gañadores serán experiencias turísticas pola provincia. Desta maneira, para a categoría 1 será un taller de marisqueo; para a categoría 2 un paseo pola ría en barco científico, dende o porto náutico de Vigo; e para a categoría 3 unha visita á illa de San Simón e ao porto de Cesantes. O xurado valorará tanto a orixinalidade como a calidade e será o encargado de elixir as obras gañadoras, que se darán a coñecer o 31 de maio.

Para participar, na web www.depo.gal está dispoñible a lámina para que as nenas e nenos poidan facer o debuxo cun lema identificativo. No seu reverso escribiranse os datos da autora ou autor e o número de teléfono do nai, pai ou persoa titora legal, que tamén deberá asinar a autorización da participación da ou do menor e a aceptación das bases. O prazo límite de presentación dos debuxos será o 30 de maio e deberá facerse nas sedes da Deputación en Vigo e Pontevedra ou nas oficinas do ORAL da provincia en horario de mañá.

Anuncios