Sin categoría

Primeiro posto para Alberto Meira na categoría de carrozados da XII Subida a Oia

Esta fin de semana o motor foi o protagonista no Concello de Oia, que acolleu a XII edición da Subida a Oia. Trátase da única proba deste tipo na comarca do Baixo Miño e é puntuable para o Campionato Galego Montaña 2019. Un ano máis, a proba organizada pola Escudería BM de Torroña foi un éxito de participación (con cerca dun centenar de inscritos) e tamén de afluencia de público, congregando a afeccionados procedentes de distintos puntos de Galicia nas xornadas do sábado e máis do domingo.

En canto á clasificación final de non carrozados, quedou primeiro o piloto Alexis Vieitez Losada (da escuadra Buxa Motor Poio e cun vehículo Fórmula Outeda), segundo Pablo Rey Pérez (da escuadra T. Martínez Racing e cun coche Fórmula Outeda), mentres que Martín Villar Bangueses (da escuadra Outeda Racing e cun vehículo CM BRC 05 Evo) quedou en terceiro lugar.

Por outra parte, na categoría de carrozados, o primeiro posto foi para Alberto Meira Fernández (da escuadra Recalvi Team, cun Citroën DS3 R5) e o segundo posto para Manuel Senra Caamaño (da escuadra Senra Sport, cun Peugeot 306 Maxi) e terceiro Jorge Pérez Alonso (da escuadra Barbadas, cun BMW M3 E30).

A XII Subida a Oia está organizada pola Escudería BM e conta coa colaboración de diversas entidades e institucións, entre elas o Concello de Oia. Tamén contou coa colaboración da Asociación de Voluntarios de Protección Civil de O Rosal e a Asociación Vodea de Vigo.

2019-05-07 - vieitez podium
FOTO: CONCELLO DE OIA // Alexis Vieitez, Pablo Rey e Martín Villar