Baiona mantén as súas cinco Bandeiras Azuis

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Praia da Ribeira.

Hoxe deuse a coñecer a listaxe definitiva de praias e portos galardoados coa Bandeira Azul en 2019, ademais das distincións temáticas en materia de salvamento e socorrismo, accesibilidade e comunicación e educación ambiental, e os Centros e Carreiros Azuis. A cifra de distintivos da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) no Val Miñor descende este ano ao desvincularse Nigrán, declinando solicitar as insignias “porque supoñen máis contraprestacións que beneficios para as praias”.

Así, dos 11 galardóns obtidos na comarca no 2018 -9 Bandeiras Azuis, 8 para praias e 1 para Portos Deportivos, e 2 Sendeiros Azuis- tan só mantéñense os de Baiona, onde ondeará a Bandeira Azul de novo nos areais de Os frades, A Barbeira, A Concheira, A Ribeira e Santa Marta, e no porto deportivo do Monte Real Club de Yates. A última distinción da localidade é para o Sendeiro Litoral de Baiona.

Galicia mantén a súa segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, con 107, despois de Valencia con 135 distincións. Deste xeito, a comunidade galega acapara case un 20% das 566 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais, e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade catalana (97 bandeiras),e pola andaluza (79).

Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego -e do conxunto do Estado- con máis bandeiras azuis, con 14 praias distinguidas. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que suma 10 en 2019; Cangas do Morrazo con 7, Marín e Baiona, con 5 cada concello.

Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.

Cómpre destacar a primeira posición que ocupa Galicia en canto aos distintivos de sendeiros azuis, xa que suma 29 itinerarios que enlazan praias ou portos con bandeira azul e contribúen ao uso sostible do litoral. En relación aos portos deportivos, en 2018 Galicia obtén 12 galardóns, sendo a provincia de Pontevedra a primeira en encabezar a lista con seis portos, seguida por A Coruña con cinco e un na provincia de Lugo.