Araújo denuncia que a Praza Paradela “comeza a fallar” pola “urxencia electoralista do Alcalde”

Manifesto Miñor denuncia que o proxecto que debería ser o eixo vertebrador do núcleo urbano de Gondomar enfróntase a varias polémicas aos poucos días de ser aberta ao público. “Isto sucede polas presas de Paco Ferreira de tela inaugurada antes das eleccións, e facer caso omiso das suxestións de MM ou dos propios veciños da contorna”, sinala Antonio Araújo.

“A opinión pública debe saber que Paco Ferreira mentiulle ao Pleno da Corporación Municipal, para conseguir o noso voto favorable, afirmando que o proxecto estaba consensuado con veciños e comerciantes, cando era mentira, e agora vemos como as queixas e o malestar aumentan cada día por parte de comerciantes e veciños que padecen as dificultades para acceder aos seus garaxes ou levar mercancías, ou a imposibilidade de entrada a bombeiros, ambulancias, ou mesmo para unha simple mudanza. Por non falar dalgúns elementos altamente inseguros como son un chafariz metido nun foxo sen protección, ou un ‘rego de auga’ que atravesa a Praza con grande perigo para nenos e persoas maiores. O mesmo día da inauguración un meniño de poucos anos caeu no foxo do chafariz afortunadamente sen consecuencias por haber moita xente ao redor”, lamenta o portavoz de Manifesto Miñor.

Segundo Araújo, este proxecto no que se ten investido case 1.000.000 €, que foi publicitado pola Alcaldía como froito do consenso cos comerciantes e cos veciños, resultou finalmente “un acto de personalismo propio do despotismo des-ilustrado do Sr. Ferreira, un de tantos”.

O ex concelleiro de Urbanismo recorda que o seu grupo apoiou sempre a idea de facer peonil a Praza da Paradela, e en consecuencia o proxecto, solicitando ao tempo un concurso de ideas para que fose un proxecto integrador que recollese as necesitades de usos, servizos e económicas dos veciños. “Incluso que se contemplase a posibilidade dun aparcadoiro soterrado, etc. Unha vez máis as suxestións de Manifesto Miñor caeron en saco roto”.

“Tamén queríamos un proxecto que gañase o espazo para uso público pero, respectando o aspecto natural da praza. Finalmente resultou un proxecto empedrado, duro e monótono que non casa cunha contorna verde como son os demais espazos contiguos á praza. O compromiso de Manifesto Miñor cos veciños, comerciantes e usuarios da Praza da Paradela, non pode ser outro que despois das eleccións do vindeiro 26 de maio, poñerse a traballar de maneira conxunta e consensuada para resolver todas aquelas eivas que o devandito proxecto ten e que son urxentes resolver”, conclúe Araújo.